A PEL DOS NAMORADOS


Cando Xesús alongou a súa man e tocou ó gafo que se lle achegara e lle pregara de xeonllos, dinos o Evanxeo que “se conmoveu fondamente”. Conmoveulle, sen dubida, aquela pregaria do gafo xamais ouvida: «Ti, se queres, podesme limpar». Entre os cinco sentidos que, segundo a cantarela que eu mesmo lle teño ouvido de rapaz a miña nai, «perdemos cando nos namoramos», o do tento é o da liberdade. Vexo, e non son visto. Ouzo, e non son ouvido. Ulo, e non son ulido….Se apalpo, en troques, son tocado. Non podo apalpar sen ser tocado. O que toco tócame a min. Se Xesús apalpa ó gafo, o gafo podelle contaxiar a sua doenza. A liberdade non é so a capacidade de elixir. E tamén a capacidade de asumir as consecuencias do que eliximos. O feito de vermos, ouvirmos ou ulirmos calquera cousa non sempre ten consecuencias para nos. O feito de apalparmos tenas sempre.

Xesus e o gafo sabíano e por iso xurdiu do corazon do gafo aquela pregaria xamais ouvida: «se queres…». E a mesma pregaria que xorde silandeira no noso corazon axiña que alguén se achega a nos: «trátame ben, trátame con tento como ti tamén quererias que eu te tratase». Cadaquén pode ser para o outro coma un deus que castiga o un home ou muller que acolle, axuda ou trata con tento. Con tento o sen tento no que facemos ou dicimos: velaí a escolla da liberdade. Ser libre non e poder facer ou dicir o que a cadaquén lle dea a gana. Se a liberdade converteuse hoxe nun valor absoluto, intocabel, e porque perdeu o seu verdadeiro sentido hai moito tempo. Perdeu o sentido do tento, que é o sentido da liberdade. A liberdade non é endexamais un valor absoluto senón relativo. Sen tento no que se fai ou se di, na maneira de tratalos outros, convértese nun valor absoluto e bótase a perder de todo. O que xoga a ser coma Deus deixa de ser o que é: persoa humana, alguén que non atura o trato sen tento.

Agora damos entendido mellor a pregaria do gafo que conmoveu a Xesús. Conmoveulle o feito de se atopar diante dun ser humano na sua mais fonda verdade. A humildade da pregaria fala de seu ó corazon de cadaquén: ¿non fala tamén o gafo no noso corazón? Nel cadaquén pódese sentir representado. Nel o Salvador toca a nosa pel, sensibel ó bo ou maltrato, e nós tocamos o seu corpo, cheo de vida e de luz. E ó tocarmos o seu corpo a vida e a luz do Resucitado chega a nós e fainos creaturas novas. Dalgún xeito o milagre do encontro entre Xesús e o gafo ten lugar en calquera dos nosos encontros, sempre que tratamos aos outros como quereríamos que eles nos tratasen. O tento, malia a cantarela de miña nai, non podemos perdelo nin sequera “cando nos namoramos”.

Texto escrito por V.M.P.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s