CORESMA, TEMPO DE DESERTO?

Das tentacións ensináronnos a fuxir dende que temos a capacidade de facelo. As tentacións son perigos aos que non facemos fronte senón fuxindo deles. E, como o mundo está cheo de perigos, ao final fuxir deles énos o mesmo que fuxir do mundo. Fóra do mundo xa non teremos tentacións. Xa non as teremos por termos caído nelas. O que caeu na tentación xa non pode caer: só pode erguerse. E axiña. Se non o fai, se a tentación na que caeu remanece nel, xa non querera erguerse. O costume faráselle natureza. O que tiña por mao háselle trocar en bo. Fóra do mundo, no deserto, viven os demoños e os endemoñados, é dicir, os que saben que no mundo non poden facer nada. Alí onde os homes e as mulleres camiñan da man, traballan xuntos, axúdanse e danse apoio e consolo, o tentador non ten nada que facer.

Xesús sabíao ben e por iso nin fuxiu ao deserto nin fuxiu das tentacións. Nin se arredou do mundo nin das tentacións que no mundo se atopan. Pola contra fíxoas fronte. Non fuxiu ao deserto: o Espírito encamiñouno cara a el. Non quedou só fronte aos perigos. O Espírito polo que os homes e as mulleres poden camiñar da man, traballar xuntos, darse apoio e consolo, estivo a caron del fronte aos perigos. O deserto xa non é deserto, de feito, para él. Dinos o máis antigo dos Evanxeos, o de Marcos, que o Espírito encamiñou a Xesús cara ao deserto axiña. Non lle deu tempo para cousa ningunha: nin para pensar no que lle faría falla no deserto nin sequera para se desenganar deste mundo e fuxir del. Non foi ao deserto fuxindo deste mundo coma os desenganados. Foi o Espírito quen o levou axiña. Non lle deu tempo para matinar a fuxida.

E dinos tamén o máis antigo dos Evanxeos que alí, no deserto, pasou Xesus corenta dias vivindo entre as feras. O evanxeo de Marcos disque foi escrito nos anos sesenta do século primeiro, cando Nerón botaba aos cristiáns ás feras no circo. Os oíntes do Evanxeo supoñemos que tremerían ao oíren a Marcos falar das feras. E ficarían abraiados, ao mesmo tempo: Xesus non asoballara as feras, senón que convivira con elas. No fondo temos aquí o resumo e o miolo das tentacións ás que Xesús viuse exposto e nel tamen nosoutros: botados ás feras deste mundo -aos riscos e perigos dos que ninguén pode afastarse-, ¿loitaremos contra elas ata asoballalas ou ben seremos nós mesmos asoballados por elas e escravos do medo aos perigos? No relato das tentacións de Xesús temos a resposta a nosa pregunta: nin asoballar ni deixarse asoballar, vivir entre as feras, convivir con elas, é dicir, amar e perdoar aos nosos inimigos.

No fondo, a loita no corazón do que non quere asoballar a ninguén nin deixarse asoballar por ninguén é tan acerba que ninguén é quen de sostela só. Por iso Xesús non está só no deserto. «Servíano os anxos», dinos o Evanxeo. Os anxos ¿seica non son aqueles que lle dan un vaso de auga a calquera dos máis cativos neste mundo? Cando o estamos pasando mal de verdade, cando foxen de nós os amigos coa escusa de se atoparen moi atarefados, ¿non son coma anxos para nos os poucos que seguen ao noso caron? A fuxir do lume, dos perigos, das tentacións, dos problemas: velaquí o primeiro que aprendemos na vida. Xesús, pola contra, apréndenos a parar de fuxir de nós mesmos. Fronte a certa espiritualidade da “fuga mundi, do silencio e o deserto, hoxe de actualidade, a de camiñar da man, traballar xuntos, darse apoio e consolo, encamiñados polo Espirito de Xesús que nos leva onde ninguén quere verse: entre as feras e os perigos. A Coresma ¿é, de feito, o tempo do deserto? A mín paréceme que é o tempo para pararmos de fuxir.

Texto escrito por V.M.P

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s