A CRISIS DO ENTORNO RURAL DAS PONTES

A construción de ENDESA, ano 1973

As Pontes nos anos 70 comezou a sufrir un cambio nas súas actividade económica e social moi fortes e que repercutiron moito na vida de moitos ponteses. Ata os anos 70 a vida dos ponteses era, por un lado, labrega e, por outra, industrial (Empresa Nacional Calvo Sotelo), pero conxugándose, pois había moita xente que ademais de traballar na Empresa cultivaba a terra e coidaba o gando.

Malla na Vilavella anos 40-50, na casa dos Armeiros da Vilavella.

A partir dos anos 70, coa chegada de ENDESA, o troco na vida dos ponteses vai a ser moi forte, pois os bos soldos, as expropiacións, os cambios de lugar de residencia (pasando moita xente de vivir no rural a vivir no pobo)… van dar lugar a unha volta completa na vida da maioría dos ponteses.


D. Enrique, coma todos os ponteses que vivimos aquela época, decátase destes trocos e así o expresa neste artigo da Revista das Festas Patronais do ano 1979.

A CRISIS DO ENTORNO RURAL DAS PONTES

A entusiasta Comisión das Festas do Carme pregoume a aportación dunhas verbas para Revista Informativa.

E, igual que noutras ocasións, vou intentar cumprir o encargo dentro da angostura das miñas limitacións de todo tipo. Desta vez, facendo unha reflexión encol da vida decadente das nosas aldeas, e partindo da simple observación, a través dos últimos lustros, queda suficiente base para calcular a devandita ruína do agro.

A agonía do campo é un feito palpitante. Quen cotexe as estadísticas de fai vinte anos e da data actual descubrirá un panorama aterrador: na Freguesía das Pontes quedaron valeiras nestas dúas décadas, un total de trinta e catro casas, nos Barrios de Mariñaleda, A Da, Carballal, Forxa, Meda, Bacariza, Caneiro, Vilarbó, Marraxón, Pereiras, Fragachá, Gondré e Veiga. E as restantes cinco Parroquias diste Axuntamento sufriron unha ausencia aínda maior dos seus veciños.

As casas que seguen habitadas padecen a diminución da metade dos seus moradores, principalmente dos mozos, que buscan traballo noutras partes. En consecuencia a diminución de cultivo e da produción é alarmante, e as condicións económicas das familias que quedan non poden ser máis precarias. Para velo con claridade débense comparar os datos de produción dos últimos decenios.

Emporiso permítame, estimado lector, que che aporte un fardo de cifras significativas, que se cadra non coñecías, polo menos tan ben coma os que de cote andamos polas aldeas e falamos cos seus moradores. Fai vinte anos a media de cultivo dos labregos da comarca das Pontes era a seguinte: A trigo 82 áreas (15 ferrados); outras tantas a centeo; 20 a aveas; para maínzo (de comer e forraxeiro) 50 áreas; 70 a patacas e 40 a hortalizas. A produción era da orde de 1000 kg. de trigo; outros tantos de centeo; 250 kg. de aveas; 800 de maínzo en gran; 10.000 kg. de patacas; hortalizas suficientes para o ano; ademais certa cantidade de fabas, chícharos, melóns, etc.

Cada casa era posuidora de 10 ou 15 vacas; unas 25 ovellas, 3 ou 4 porcos; unas galiñas; un bo número de conexos…

Esta propiedade permitíalles vender na Feira cada ano sobre 6 becerros; 20 años; carne de porco; manteiga; queixos; la; ovos e conexos; salvando así folgadamente os gastos da casa.

Na data actual os colleiteiros máis fortes veñen cultivando 40 áreas de trigo; 20 a centeo; 8 a aveas (só algúns); 20 a maínzo; 50 a patacas e 20 a hortalizas; do que recollen: 500 kg. de trigo, 250 de centeo, 100 de aveas, 500 de maínzo, 7.000 de patacas e hortalizas insuficientes para o ano. Teñen de 3 a 5 vacas; sobre 10 ovellas (só algunhas casas); 1 ou 2 porcos; sobre 8 galiñas; algún conexo… a venta de 2 becerros (a 20.000pts. cada un) e de algúns litros de leite. Apenas si se venden xa queixo nin ovos, nin ningún outro produto.

Mais, ante a esta corta produción están os seguintes gastos inevitables; uns 16 sacos de abono (5.600pts.); patacas novas para plantar (12.000pts.); col en tallo e semente de nabos (1.500pts.); uns 60 sacos de penso (50.000pts.); por mantenza dos veciños que axudan (40.000pts.); a contribución, por termo medio, de unhas 15.000pts., etc.

Por outra banda, cada familia ten o gasto de adquirir os elementos que non produce a aldea como: aceite, azucre, café, arroz, bacallau, etc.; a roupa e o calzado que, sen abusar de luxos, arrima ás 60.000pts. anuais; e completar (mercando nos supermercados) os alimentos normais dende que se lle termina o colleitado.

En vista de todo o exposto diría calquera economista: “que se pechen eses negocios, pois a partida dos gastos supera en moito á partida dos ingresos”. Como, entón, sobreviven esas familias? Algunhas co apoio do subsidio da vellez; outras co soldo dun familiar que acadou algún emprego, e en xeral todas elas, malvivindo (anque aínda haxa quen non o crea).

Moi poucas vivendas gozaron dalgún renovado ou mellora; a maioría conserva a estrutura primitiva inhóspita e antihixiénica, cos gandos no seu interior e sen os servicios máis elementais.

O éxodo dos nonos mozos braceiros, e aínda de familias enteiras, está encamiñado as industrias dos pobos de cerca; hai tamén un bo número noutras rexións e tamén no estranxeiro.

As motivacións parten, na maioría dos casos, das condicións infrahumanas que as aldeas seguen tendo; e tamén hai casos (por que non dicilo) nos que é debido a febre de empregarse na industria, “porque alí gáñanse os cartos traballando pouco”, deixando abandonadas propiedades xeitosas para explotacións rendibles.

As consecuencias deste fenómeno de deserción agrícola son obviamente fatais: xa prescindindo da perda dunha riqueza básica para o sostemento do país, fixémonos no desastre humano; pobres vellos sumidos no illamento e soidade da aldea: familias desarraigadas, metidas de súpeto en ambientes onde non se integran; traumas psicolóxicos que para sempre lles marcan o subconsciente; as crisis entre mozos e maiores dende o momento en que o mozo descubre o ambiente da vila ou de cidade cunha mentalidade moderna que esixe o exercicio da propia responsabilidade e liberdade, pero onde a miúdo acontece que, pola falta de formación e madurez máis que adaptarse o que fan é lanzarse demasiado, co conseguinte desgusto dos pais que prevén os fillos envoltos nunha ola de aberración e extravío…

Que reformas debe haber (que xa deberan estar feitas)? Por suposto é preciso contar con que os Gobernos comecen a preocuparse por nós, polo menos impedindo a extraversión do aforro e alimentación do capital galego, así como procurando axudas, fomentando a asociación dos labregos paro o cultivo en común, deixándolle ao traballador o dominio da comercialización dos seus produtos con garantía dos prezos, etc.

Empezarían entón a ser beneficiados os agricultores, e indirectamente toda a poboación galega.

Maio de 1.979

Enrique Rivera Rouco

Texto e fotografías aportados por Xose María Ferro, director do Museo Etnográfico Monte Caxado de As Pontes

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s