Unha vez rematado cos artigos de D. Enrique e seguindo no seu camiño, o que vou tratar de dar a coñecer é un pouco do noso patrimonio material pontés que, ás veces, é descoñecido, pois nos centramos no que nos é máis próximo, sen decatarnos de que o noso concello é bastante grande e nas súas parroquias tamén hai moito patrimonio agardando a ser descuberto. Ben, pois o que pretendo con estes artigos é descubrilo á xente, dalo a coñecer, porque sabendo del é máis difícil que se perda, pois sempre haberá quen se interese por el.
Hai unha grande parte deste patrimonio (igrexas, cemiterios, cruces, cruceiros…) que dalgún xeito está relacionado directamente coa igrexa ou co aspecto cristián, outra parte ao mellor non, máis indirectamente algúns tamén (como pode ser o caso dalgún reloxo de sol, algunha ponte…).
D. Enrique descubriunos unha gran parte del nos seus artigos, polo algúns elementos son xa coñecidos, pero poida que aínda teñamos algúns sen descubrir. Por todo o noso municipio temos igrexas, pontes, muíños, hórreos, cruces, cruceiros, reloxos de sol, pedras con historia, mámoas, castros… Que sabemos e coñecemos de todo isto? En moitos casos si teremos información, noutros, ningunha; en moitos casos si coñeceremos ese elemento patrimonial, noutros, será totalmente novo para nós.
Imos por tanto a tratar de amosar algúns elementos patrimoniais.
E xa que estamos no Domingo de Ramos (o día que comezo este artigo) pois vou comezar falando dun elemento, símbolo do cristianismo, da cruz.
Dentro do noso concello hai moitísimas representacións deste elemento e tamén variada tipoloxía. Non todas son iguais, nin do mesmo tamaño, nin todas teñen a mesma finalidade.

Se nos remontamos na historia do home para atopar este símbolo, inicialmente teríamos que ir á Prehistoria, nela aparece a cruz coma símbolo antropomorfo, testemuñado nos petróglifos galegos, por exemplo. Tamén poderíamos dicir que é un símbolo universal, pois aparece en case todas as culturas. En Exipto a cruz ansada “anj” simbolizou a inmortalidade. Os cartaxinenses e os fenicios a empregaban como instrumento de sacrificios a “Baal”. Os persas como “talismán” contra o mal e a morte. Para os galos un símbolo solar… E poderíamos seguir.
Os cristiáns primitivos evitaron no posible, nun principio, a exteriorización de dito símbolo para evitar represalias e por tratarse dun suplicio infame.
Vai ser no Oriente onde nacerá a cruz como símbolo representativo do cristianismo e que logo pasará a Occidente. Dende o soño do emperador Constantino, cara o 312 (“In hoc signo vinces”: Con este sinal vencerás), que precedeu a súa vitoria na ponte Milvio, e o descubrimento da verdadeira Cruz de Cristo, en Xerusalén, no ano 326, pola nai do mesmo emperador, Elena, a atención dos cristiáns cara a Cruz foi medrando.
No que respecta ao noso pobo galego, podemos ver que toda Galicia está inzada de cruces, foi un elemento moi empregado, pois é un símbolo de protección para as xentes, gandos, sementes, colleitas…
Estudando as nosas cruces pontesas, podemos dicir que temos unha grande variedade espalladas por todas as nosas parroquias e que persoalmente as clasifico en:
1. As dos cruceiros
2. As cumiais (situadas nos cumios das casas, igrexas, hórreos…)
3. As indicativas de mortes (chamadas tamén de desgracia)
4. As riscadas (gravadas na pedra)
5. As labradas (en relevo na pedra)
6. As dos panteóns ou nichos
7. As de término.
Nos vindeiros artigos iremos vendo algúns exemplos que nos axudarán a coñecer mellor o noso patrimonio pontés.
Texto e fotografía aportados por D. Xose María López Ferro, director do Museo Etnográfico Monte Caxado de As Pontes, a quen agradecemos o seu traballo e colaboración.