PATRIMONIO PONTÉS II

Imos falar logo das cruces e comezamos cos cruceiros, temos arredor duns 40 entre cruceiros completos e incompletos. E aclaro esta clasificación persoal que fago: Todos os cruceiros non son iguais nas súas partes, algúns carecen de partes que outros teñen. Para min, cruceiro completo é o que ten as seguintes partes: plataforma, pedestal, varal ou fuste, capitel, cruz anverso (Cristo) e reverso (Virxe). De faltar algunha destas partes, sería un cruceiro incompleto e metendo dentro destes os chamados Cristos ou cruces altas, xa que levan, ás veces, gradas (unha ou dúas) e outras un pedestal.


Tamén poden levar: pousadoiro (onde se pousaban os cadaleitos para rezarlle un responso ao defunto cando ía camiño da igrexa-cemiterio; a capela ou peto de ánimas; relevos da Paixón, etc.

Posiblemente sexa un dos elementos máis coñecidos e máis destacadas na arte galega que Castelao definía como “Onde hai un cruceiro cáseque sempre houbo un pecado, e cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo descender un perdón do ceo, polo arrepentimento de quén o pagou e polo sentimento de quén o fixo”.


Son cruces altas, que moi posiblemente teñan a súa orixe nos primeiros séculos do cristianismo, coa cristianización dos miliarios romanos e das pedras fitas. Colocouse sobre eles e elas, cruces e, co paso do tempo fóronse transformando nos cruceiros.

A súa finalidade é variada: nas encrucilladas transmitían protección diviña ós camiñantes, sinalaban a estación de rezo dun responso ó cadaleito cando pasaba por diante del, é o lugar arredor do que se fai a procesión o día da festa, é unha sinal externa de paternal acollida na igrexa o ermida a carón da que está, lugar onde cos rezos podemos gañar indulxencias…

E no exemplar do que imos falar hoxe, descubriremos outra finalidade moi curiosa, a razón da que por que se fixo este cruceiro.

Mais antes de falar del, imos coñecer as partes do cruceiro que citei ao comezo:


* A plataforma, case sempre cuadrangular, cunha, dúas ou máis gradas de cantería ou ben en cachotería de lousa ou gneis. É o base do cruceiro.

* O pedestal, vai sobre da plataforma, xeralmente, ten xeito de cubo ou dividido en partes, tamén pode ser cilíndrico.

* O varal ou fuste, columna encaixada no pedestal e que sostén e ergue a cruz. De feitura octogonal, hexagonal, cadrada ou cilíndrica.

* O capitel, atópase entre o varal e a cruz, vén sendo como un tronco de pirámide cuadrangular invertida, isto é, a parte máis ancha cara arriba e a máis estreita cara abaixo.

* A cruz, é a parte máis importante do cruceiro, ten a feitura octogonal, cadrada, cadrada con chafrán ou cilíndrica, aínda que tamén pode ser nodosa a xeito de tronco de árbore.

A cruz ten dúas partes: o anverso, onde vai o Cristo; e o reverso, onde vai a Virxe. Nela, tamén, pode ir: o letreiro de INRI, a caveira, a coroa, etc. Ás veces tamén se pode observar algún santo ou anxo.

Outras partes non xeneralizadas e que só uns poucos exemplares teñen son:

  • o pousadoiro ou especie de mesa que serve para pousar os cadaleitos e rezarlle o responso ao defunto.
  • a capela ou peto das Ánimas onde vai a imaxe da Virxe, santo ou ánimas; dándolle o nome de cruceiros de Loreto ou de Ánimas aos que a teñen.
    • o farol de aceite, nalgúns cruceiros colgábase un farol de aceite suxeito, polo xeral, dun dos brazos da cruz cun aro metálico e unha cadea para subilo e baixalo.
    • policromía, algúns exemplares estaban pintados, nuns casos todo o cruceiro e, noutros, só a cruz. Facíase con cores vivos e planos.

O cruceiro do que vou falar hoxe é dos que eu clasifico como incompletos, quero comezar con el porque para min foi unha sorpresa agradable descubrir no seu día a finalidade pola que foi feito. O exemplar coñécese co nome de CRISTO DE PRADA ou CRUCEIRO DE PRADA.

Imaxe do cruceiro de Prada


E quero comezar con el porque se o conservamos hoxe dentro do noso patrimonio pontés é grazas a D. Xabier Martínez como logo explicarei e engado, unha vez máis, que o noso pobo lle debe moito a este crego que estivo exercendo o seu sacerdocio aquí, nas Pontes e que traballou arreo por poñer en valor a nosa historia e o noso patrimonio.

CRUCEIRO DE PRADA-O FREIXO

Carece de plataforma, capitel e imaxes do Cristo e a Virxe na cruz. Polo que só analizaremos as que ten: pedestal, varal e cruz.


Situábase este cruceiro na entrada da pista que vai a Santomé e ao Deveso e na marxe esquerda da estrada As Pontes de Gª Rguez.-Ortigueira; pertencente á parroquia do Freixo. É un cruceiro de encrucillada de camiños.


Posteriormente foi trocado de sitio e de posición, hoxe dá a estrada e antes estaba situado no lateral da pista que vai ao Deveso e orientado cara ela. Cando amañaron a pista estiveron a piques de derrubala, pois o construtor dicía que aquelo non tiña valor. Mais un familiar (D. Ovidio García) dos descendentes de Antonio Prada, interesouse por el na Igrexa Parroquial de As Pontes de Gª Rguez. e o crego, naquel entón, Xabier Martínez, viu que estaba catalogada e documentada dentro dos Cruceiros de Galicia, fíxose unha fotocopia e levóuselle ao contratista e foi a forma de salvalo e conservalo. De non ter intervido D. Ovidio e D. Xabier, hoxe este cruceiro sería unha lembranza máis, coma moitos outros, e teríao que incluír no apartado de desaparecidos.

Pedestal:
É un sinxelo e alto pedestal feito de laxes de pedra (cachotería) da zona (ollo de sapo). Ten forma de prisma cuadrangular duns 60-70cm de altura, aproximadamente, e nel vai encaixada o varal.

Varal:
Un claro exemplo este de varal curto, de base cuadrangular e de sección octogonal irregular.
Non existen inscricións, nin figuras; polo que é un varal liso. O material do que está feito é de granito.

Cruz:
A Cruz é de sección cadrada, vai apoiada no varal. O curioso deste cruceiro é que a Cruz apoia directamente no varal e parece que vai encaixado nela polo cemento que lle deron na unión de ámbolos dous.


Neste caso temos un exemplo de cruz grega, isto é, brazos iguais. Os remates dos brazos horizontais e o superior vertical están, lixeiramente, frorenzados.


O material no que está feita non é granito coma no caso do varal, senón que é toelo ou pedra serpentina.


Leva inscrición e reza así:

POR
ANTONIO PRADA
AÑO
DE
1858

O nome e os motivos polos que se fixo:
O nome de Cristo de Prada, como xa dixen, venlle da persoa por quen se erixiu. Ten este cruceiro unha historia peculiar, pois é un cruceiro feito por “amor”, supoño que será este un motivo que nunca se recolleu na feitura dos cruceiros.


Situámonos a mediados do século XIX, cando non había moitos medios de viaxar e coñecer a outras xentes. Os mozos e mozas dunha parroquia casaban entre si e, como moito, cas e cos das parroquias veciñas se non estaban moi lonxe. A parroquia do Freixo é unha das máis extensas do concello. Dous curmáns namóranse un do outro e deciden casar. A igrexa poñía moitas trabas para facelo entre familiares. Unha das solucións era pedir a dispensa a Roma, trámite custoso e que levaba moito tempo, pois entre que ía e viña a petición podían pasar anos. O crego que levaba a parroquia naquel entón accedeu a falarlle co Bispo e conseguirlle a dispensa. En troques, el tiña que erixir un cruceiro nunha encrucillada de camiños. Como esta solución era máis económica e rápida, non o dubidou e erixiuno na encrucillada dos camiños: As Pontes de Gª Rguez., Ortigueira, O Freixo e Santomé (O Deveso). E deste xeito puido casar coa curmá. Dende entón o cruceiro leva o seu nome (Antonio Prada), cruceiro de Prada ou O Cristo de Prada.

Texto e fotografía aportados por D. Xose María López Ferro, director do Museo Etnográfico Monte Caxado de As Pontes, a quen agradecemos o seu traballo e colaboración.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s