PATRIMONIO PONTÉS III

Coa miña lembranza a D. Manuel Ares Fernández, un home de fe.

O cruceiro de hoxe é un exemplar dos que clasifico como completos, pois como xa dixen, ten gradas, pedestal, varal, capitel, cruz anverso co Crucificado e cruz reverso coa Virxe.
Elixín este exemplar porque considero que ten dous elementos gravados pouco coñecidos e que moita xente non sabe que os ten, aínda que teñan visto o cruceiro moitas veces.

Falo do cruceiro da Vilavella, cruceiro de adro da igrexa e cruceiro de encrucillada. Ao redor del tiña lugar a procesión dos santos o día da festa do patrón, o San Andrés. Os santos saía da igrexa, ían ata o cruceiro, daban a volta arredor e volvían cara a igrexa. Tamén era un cruceiro de encrucillada porque estaba situado nun cruce de camiños: o que ía a Vila e As Veigas, que era o chamado Camiño Real; o da igrexa, que viña da Casilla e pasaba por diante da igrexa atravesando o río por unha ponte de madeira e que, unha
vez pasada, dividíase en dous, un cara a Parrocha e a Mourela e, o outro, cara o Acibido.


Hoxe, só ten un acceso para chegar a el e que coincide coa entrada á depuradora. O da esquerda é o camiño da Igrexa.

CRUCEIRO DA VILAVELLA

imaxe do cruceiro da Vilavella

Hoxe, xunto coa igrexa, o cemiterio e dúas casas é o pouco que queda da Vilavella, noutrora unha das parroquias con máis vida do Concello.


É un cruceiro todo el feito en pedra de gra ou de granito, sólido no seu conxunto. É un fermoso exemplar que encerra unha simboloxía especial, da que logo falarei, representada na parte da cruz reverso.


Imos ver as súas partes e as súas especiais características.

Plataforma e gradas:
É cuadrangular, con dúas gradas de cantería e unha soleira ou base, visibles na actualidade, que é moi probable que sexa a parte superior dunha terceira grada que quedou soterrada co paso do tempo e polos sucesivos recheos do camiño.

Pedestal:
É cuadrangular e alto. Dividido en tres partes: A primeira e inferior é prismática cuadrangular, logo ten unha media escocia e, na parte superior, a xeito tronco-piramidal-cuadrangular invertida, aínda que non de todo, pois na parte alta remata con chafrán e nunha zona cha que serve de base ao varal ou fuste. Non ten adobíos nin escritura visible.

Varal:
O varal é de sección oitavada ou octogonal. É un varal alto e proporcionado, pois non é dos máis grosos se o comparamos con outros do concello.
Polo fronte ou anverso (cara do Cristo) ten figuras labradas: os tres cravos, o martelo, as tenaces, a punta de lanza e a escada. Simboloxía, todas elas, da Paixón.


Na parte alta, e nas catro caras, tamén ten un debuxo labrado: un rectángulo rebaixado cun rombo saínte no seu interior, catro botóns (tamén saíntes) ao redor do rombo e un no centro del.

Capitel:
Conta con dúas volutas angulares en cadansúa cara. No medio de cada unha delas ten un anxo; debaixo de cada anxo ou querubín, e de voluta a voluta, leva unha cadea e, pola parte inferior da mesma, o que semella ser as ás do anxo.


Na parte inferior do capitel leva un rebaixe, facéndose o capitel do mesmo ancho co varal e encaixando perfectamente con el.


Na actualidade ten rota unha das volutas (a dereita do anverso, segundo se mira), fáltalle un anaco pola parte de enriba da mesma.
Outra característica deste capitel é que os anxos están ollando de fronte.

Cruz:
A cruz é de sección oitavada ou octogonal igual co varal. É unha cruz alta e delgada, facendo xogo co varal.


Os brazos menores da cruz rematan abertos en catro pétalos con botón central.


No seu anverso leva o Cristo e no reverso, coma a gran maioría dos cruceiros a imaxe da Dolorosa. E neste lado, sobre o crucel, sobresae unha coroa por riba da cabeza da Virxe. Vai pegada á cruz e afastada da Virxe. O efecto óptico ao observar dende abaixo é que está enriba da testa da Virxe María.

Cruz anverso, o Cristo:
É unha imaxe de Xesús bastante grande en relación ou comparación con outros da zona, aínda que non é moi groso, máis ben todo o contrario.


Cartela de INRI ilexible, rectangular horizontal. Coroa de espiñas. Ollos pechados. Barba escasa. Mans abertas e un cravo en cada unha. Torso estreito e costelas moi marcadas. Pano de pureza con cordón, anoado á dereita. Pé dereito sobre o esquerdo e un cravo.


Como característica, os pés van apoiados sobre unha caveira.

Cruz reverso, a Virxe:
A Virxe representada é unha Dolorosa ou Piedade. Vai apoiada sobre dunha base circular dobre que apoia, a súa vez, no capitel. Atópase separada da cruz. Leva sobre da testa unha coroa que está na cruz, non na súa cabeza; e, como curiosidade e a diferencia de moitas outras Piedades, non vai cuberta de manto, só leva unha especie de veo cubríndolle a cabeza.


O Cristo xacente no seu colo é de menor tamaño ca imaxe da Virxe e máis miúdo.

E agora vén a característica de que falaba ao comezo e que é especial, pois non a atopei noutros cruceiros da zona:
O tallo ou obxecto sobre do que vai sentada é cilíndrico e nos extremos leva gravados o Sol e a Lúa. Pola banda que da a Igrexa podemos ollar o Sol, cunha cara humana e os raios saíndo do círculo. Pola outra, a que dá ao camiño, vese a Lúa (o día e a noite, a luz e a escuridade). Esta representación do Sol e da Lúa xunto da Virxe, xa son nomeadas por Castelao no seu libro “As cruces de pedra na Galiza” por telas atopadas nalgúns cruceiros estudiados por el.

Non hai data da súa construción.


Outra particularidade deste cruceiro é que está trocado da súa orientación orixinal, antes o Crucificado estaba ollando cara o Camiño Real (que ía a Vila e as Veigas) e hoxe está ollando cara o camiño que entra da estrada xeral, co que a Virxe olla cara a igrexa. Hai uns anos, na festa que alí se celebra (o San Andrés) un camión deulle un golpe ao cruceiro e moveulle as gradas, no arranxo foi cando lle cambiaron a orientación, o que non sei se foi a propósito ou por despiste. Penso que non debera ser así, pois aínda que hoxe non hai Camiño Real (está a Depuradora de Endesa) o cruceiro debera manter a súa posición orixinal pois sempre nos estaría a dicir que por aquela banda viña un camiño que se cruzaba con outro.


Tamén lle engadiron catro pedras de protección cada unha na súa esquina, que antes non tiña.

Texto e fotografía aportados por D. Xose María López Ferro, director do Museo Etnográfico Monte Caxado de As Pontes, a quen agradecemos o seu traballo e colaboración.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s