CRUCEIRO DE MARRAXÓN-CAPELA DE NOSA SEÑORA DOS REMEDIOS
Outro cruceiro dos incompletos é o que temos en Marraxón, concretamente a carón da Capela dos Remedios. É un exemplar que está policromado, isto é, pintado de cores e tamén contamos con algún outro exemplar no noso concello. Esta costume de pintar a pedra tiña unha función esencial, protexer a pedra da corrosión do clima.
Como dixen, está situado ao pé da Capela dos Remedios, na estrada que vai de Marraxón de Abaixo a Marraxón de Arriba. Carece de plataforma ou gradas, por iso o clasifico como incompleto.

O Pedestal: É cilíndrico, alto e de grosor medio. Remata a xeito de tronco de cono na súa parte superior, ou a xeito achafranado.
Non se observan inscricións.
O Varal ou Fuste: É alto e miúdo, de pedra de granito. De sección oitavada ou octogonal, agás nos seus estremos que é cadrado, de xeito que encaixe mellor no pedestal e no capitel. É liso, non leva figuras. O que si ten é un texto escrito nel e que nos permite datalo (ano de 1911) e coñecer que foi feito pola intención de D. Antonio Cal.
O texto é sinxelo e curto, e di:“POR ANTONIO CAL AÑO DE 1911”.
O Capitel: Consta de catro volutas angulares pequenas e un anxo alado ou querubín no medio de cada cara.
A Cruz: Constitúe esta cruz unha excepción (e a do cruceiro de Goente-Igrexa) coas outras cruces dos cruceiros da nosa zona, pois é unha cruz con nós. É unha cruz grosa con relación ao grosor do varal. Está pintada de cor castaña escura, imitando á madeira.
Os brazos transversais rematan en corte cunha certa inclinación ou corte en bisel. O corte da parte superior da cruz é recto.
A Cruz anverso, O Crucificado: Ten a testa erguida, non inclinada coma no resto dos cruceiros. Os ollos abertos. As mans medio abertas e cos dedos índices das dúas mans estendidos (símbolo de bendición?) . O aspecto é o de unha persoa viva, non xacente.
Leva letreiro coa inscrición INRI, enriba da testa. Tres cravos, un en cada man e outro nos pés. Está, asemade, policromado. O corpo está pintado de cor branca, a barba e o pelo longo e de cor castaña escura, o mesmo ca coroa de espiñas. A tea da cintura de cor azul clara. As cabezas dos cravos e da lanza con cor vermella. O letreiro de INRI en branco o fondo e as letras en vermello.
A Cruz reverso, A Virxe: A imaxe da Virxe, moi probablemente a Virxe dos Remedios. É unha imaxe sinxela, coa dor na faciana, as mans cruzadas na cintura e en posición erguida.Vai ataviada cun vestido longo e corpiño ou antepeito, ten a testa e o corpo cubertos por un manto.
A imaxe vai unida á cruz e apoiada nunha peaña troncocónica invertida. Afastada do capitel.Está policromada. A cara e as mans de cor brancas, o corpiño ou antepeito tamén de cor branca. O vestido longo de cor azul clara e o manto de cor gris.
A peaña troncocónica tamén vai pintada de cor castaña escura igual ca cruz.
Texto e fotografía aportados por D. Xose María López Ferro, director do Museo Etnográfico Monte Caxado de As Pontes, a quen agradecemos o seu traballo e colaboración.