PATRIMONIO PONTÉS V

E seguindo co tema de cruceiros policromados, outro que temos no noso concello e do que case non conserva xa pintura (só algúns restos no pedestal, no varal, no capitel e na cruz) é o cruceiro de Goente-Igrexa. A diferencia do da Capela da Virxe dos Remedios de Marraxón, este encádrase nos cruceiros completos.



CRUCEIRO DE GOENTE-IGREXA DE SAN MARTIÑO



Situación:
Na praza da Igrexa de San Martiño en Goente.

Plataforma:
Plataforma de base cuadrangular dunha soa grada, aínda que orixinariamente non tiña só unha, estaba formada polo menos por dúas ou tres gradas. Foi trocado de situación en dúas ocasións e no cambio, perdeunas. Hoxe só conserva unha.
A base está formada por pedra granítica, posiblemente da zoa, xa que é abondosa nela.

Pedestal:
O pedestal está formado por unha pedra granítica de forma tronco piramidal cadrada e con chafrán na parte superior.
Non leva inscrición aparente en ningunha das catro caras.
É un pedestal moi alto, máis do normal para ir formado por unha soa pedra.
Vai encaixado na única pedra da grada e vese que está rexuntado por cemento. Tamén nunha cara, a que dá á igrexa, semella que estivo caleado.

Varal:
Atopámonos neste caso cun varal cilíndrico, aínda que de sección cuadrangular nos extremos.
É un varal de tamaño medio, no que a sección cadrada inferior é bastante alta, ao igual ca superior, o que lle confire un tamaño máis pequeno do que é en realidade.
O material no que está feito é toelo ou pedra serpentina, da zona de Moeche, polo que posiblemente os canteiros que o fixeron foran desa zona.

Capitel:
Este capitel seméllase moito ao capitel do cruceiro de Somede, tanto na forma coma no ornamento.
É un capitel sinxelo, con volutas angulares pequenas e anxo alado en cada unha das caras.
O material, ao igual co varal, é de toelo.

A Cruz:
A cruz, o mesmo que no caso de Somede, é unha cruz alta; se cadra non tanto coma aquela, pero alta.
A sección da mesma é cilíndrica e de base cuadrangular no encaixe no capitel. Tamén, coma a de Somede, semella tronco de árbore máis sen nós; e os extremos dos brazos horizontais están cortados a xeito de bisel paralelo.
O material de mesma é o toelo.

Cruz anverso, O Cristo:
O Cristo deste cruceiro está pouco traballado, as formas do corpo están pouco máis suxeridas.
Cartela de INRI grande e en sentido horizontal, pouco lexible. Sen coroa de espiñas. Pelo e barba pouco elaborados, só marcados. A testa erguida e ten os ollos abertos. Corpo e brazos pegados á cruz.. Mans abertas e cun cravo en cada unha. Torso pouco traballado, máis ben suxerido. Con pano de pureza con cordón atado á dereita. Pé dereito sobre o esquerdo e un só cravo nos pés.
Está elaborado en toelo.

Cruz reverso, A Virxe:
A imaxe da Virxe é unha Soidade coma no caso de Somede, a diferencia e que está leva os brazos cruzados coma se estivese termando do pano que lle cobre o corpo dende a testa e non en actitude de rezo. Debaixo do pano, son visible os pregues do vestido.
Vai apoiada nunha base ou peaña de remate octogonal irregular que sae da cruz e que, á súa vez, leva un apoio de xeito tronco-piramidal cuadrangular invertido.

Texto e fotografía aportados por D. Xose María López Ferro, director do Museo Etnográfico Monte Caxado de As Pontes, a quen agradecemos o seu traballo e colaboración.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s