PATRIMONIO PONTÉS VI

Falamos hoxe doutro cruceiro da tipoloxía dos completos e que é un dos exemplares máis elaborados que temos no noso concello pontés, refírome a:

O CRUCEIRO DO POBOADO

“O cruceiro do Pobo, hoxe sito diante da Igrexa do Poboado, despois da súa deportación no ano 1932 ao paraxe de As Campeiras sufrindo estragos neses trafegos; é unha obra perfecta e a máis destacada de tódalas da Comarca; a súa orixe é moi antiga (quizais do século XIV, a xulgar pola influencia gótica que delata o seu estilo e polos signos heráldicos que amosa). (D. Enrique Rivera Rouco, Revista das Festas Patronais, ano 1981)

Como moi ben nos di D. Enrique o cruceiro, hoxe situado fronte a Igrexa do Poboado, orixinariamente, estaba situado na Praza do Hospital, tamén coñecida como Praza do cruceiro e facía conxunto cun palco da música, tamén feito en pedra. Nos anos 30 foi desprazado de dita praza para o lugar de As Campeiras e nos anos 50 foi doado polo Concello á Empresa Nacional Calvo Sotelo que o emprazou no lugar onde está hoxe e que naquel entón eran os xardíns das escolas do Poboado.

A Plataforma:
É cuadrangular, con tres gradas de cantería. A de enriba é unha peaña diminuída, podendo face-las veces de pousadoiro. Hai unha foto antiga de cando estaba situado na praza do Hospital na que se aprecia unha grada máis.

O Pedestal:
É cuadrangular con caras cóncavas ou con escocia. Na parte inferior é cadrado, e na superior con chafráns e un pouco máis estreito que na parte inferior.


Na da banda do Cristo (anverso) leva a Asunción de María, con dous anxos erguéndoa cara ao Ceo, cun veo sobre da testa. Analizando un pouco esta representación do pedestal, podemos dicir que a Asunción era a patroa de As Pontes, a súa festividade era o 15 de agosto, que era cando se celebraba a festa do pobo. Isto foi así ata, aproximadamente, mediados do século XIX.

O Varal ou Fuste:
É de sección octogonal. Polo fronte ou anverso (cara do Cristo) e preto da base, leva unha coroa real, na parte alta; preto do capitel, leva –nas caras principais- unha “flor de lis”, e polos laterais gavelas ou feixes de trigo. Na parte baixa do varal, a un metro do pedestal, ten un furado do tamaño dunha moeda de dous euros, na súa cara principal ou anverso.

Segundo o cronista oficial D. ENRIQUE RIVERA ROUCO todas estas representacións no varal ou fuste indican:
A coroa real representa o carácter real da nosa Vila, é dicir, feudo de concesión real (xa que foi un feudo outorgado polo Rei Enrique II, ó cabaleiro galego García Rodríguez de Valcárcel, por mor da axuda prestada na contra de Pedro I o Cruel). Esta concesión e outras foron feitas polo Rei no que se chamou as “mercedes enriqueñas”.


A flor de lis, representa á nobreza, xa que dita flor é símbolo da nobreza, moi empregada na heráldica do Medievo e de orixe francesa.


As gavelas ou feixes de espigas de trigo, representan á agricultura. O noso Concello atópase situado nun val, e como tal, con certa riqueza agrícola –hoxe trocada pola extracción do carbón- e, tamén, gandeira.

O Capitel:
O capitel, no seu conxunto, é de imitación “xónico” polo das volutas ou espirais angulares. Está moi ben traballado, coma o resto do cruceiro.
As catro caras do capitel son iguais e en cada unha delas podemos apreciar: dúas volutas ou espirais nos ángulos, unha cadea saíndo dunha a outra voluta, e, no medio do capitel, un anxo ou querubín alado. Pola parte de embaixo de cada anxo ou querubín un saínte a xeito de cuncha, que debe representa-lo corpo de cada un deles ou ben é o que realmente semella, é dicir, unha cuncha.

A Cruz:
É unha cruz grande e de sección octogonal. Moi ben traballada, sobre todo nos extremos dos brazos que son abertos ou florenzados e cun botón no medio.


No seu anverso represéntase o suplicio de Xesús ou a dor física; no reverso o sufrimento de María ou a dor moral, nun equilibrio artístico e emocional perfecto.

A Cruz anverso, O Cristo:
Se cadra, a parte mellor traballada do conxunto xunto coa imaxe da Dolorosa, ou polo menos a que máis destaca. É un Cristo moi ben esculpido, onde o mestre canteiro deixou amosar a súa habilidade e, pode que, a súa alma.


O Cristo ten a testa coroada de espiñas e coa cara inclinada á dereita. As palmas das mans abertas e cun cravo en cada unha e outro nos pés. O pé dereito cravado sobre do esquerdo. Os tres cravos ao xeito renacentista.


O letreiro INRI sobre da súa testa.
A figura de Xesús está separada da cruz e con inclinación cara a diante. Pano de pureza atado con cordón á dereita.


Ten, enriba do capitel e na parte esquerda, uns restos de onde iría un dos dous anxos, que tivo orixinariamente, con cáliz recollendo o sangue de Cristo. Na parte dereita levaba outro do que non quedan restos.


Estes anxos ían un a cada lado do Cristo, con cadanseus cálices coa finalidade de recolle-lo sangue (simboloxía da salvación do mundo polo sangue de Xesús). Perdeunos cando estivo “deportado” no lugar das Campeiras, no ano 1936, alguén o tiroteou cando a guerra civil, e rompeullos. Só hoxe quedan uns anacos de pedra no lado esquerdo (mirando dende a posición do Crucificado).

A Cruz reverso, A Virxe: É unha representación da Dolorosa, perfectamente lograda, proporcionada en relación ao Cristo do anverso. Atópase sentada e co corpo xacente no seu colo e nas pernas. Atopámola pousada sobre do capitel, na posición de sentada. Co corpo cuberto polo manto e co Cristo xacente apoiado no seu colo. O Cristo xacente é, como na maioría dos casos, máis pequeno en proporción coa Nai. A imaxe da Virxe tamén foi danada polo tiroteo que sufriu o conxunto. Este dano apréciase na parte das costas e que está pegada á cruz.

D. Enrique opinaba sobre o seu emprazamento o seguinte:
“Dende tempo inmemorial presidía a entrada da antiga Vila de As Pontes no cruce dos principais camiños: “o camiño dos arrieiros” (denantes “dos ártabros”) de Bares a Betanzos e o camiño real dende o Convento Xurídico Romano de Lugo á ría de Ferrol, atopándose situado na Praza do Hospital, ao lado do entón alí existente establecemento benéfico con dito fin, fronte á actual finca nº 23 da Rúa de Galicia, a onde debera ser reintegrado, xa que inxustificadamente foi desprazado do seu entorno histórico”.

Texto e fotografía aportados por D. Xose María López Ferro, director do Museo Etnográfico Monte Caxado de As Pontes, a quen agradecemos o seu traballo e colaboración.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s