PATRIMONIO PONTÉS VII

Outro fermoso exemplar de cruceiro que temos no pobo é o cruceiro da Capela do Carme, que pertence aos cruceiros completos e do que D. Enrique nos dicía o seguinte:

CRUCEIRO DA CAPELA DO CARME

O CRUCEIRO DA CAPELA DO CARME SEGÚN O CRONISTA D. ENRIQUE RIVERA ROUCO:
O cruceiro da Capela do Carme, é un dos poucos modelos que hai na Galicia que amosan a escultura da Virxe co Neno nos brazos, no canto dunha Dolorosa; detalle que, segundo Álvaro Cunqueiro, plasma unha alegoría á fecundidade da muller galega. Ten así mesmo, na peza superior da base baixorrelevos da Dolorosa e da Magdalena, e o relato da súa fundación que di: “Devoción de D. Fco. Bouza, natural de Grañas del Sor, Año de 1.828”, e a concesión decretada polo Bispo de Mondoñedo D. Francisco López Borricón, a quen rece diante del tres avemarías e unha salve, de cen días de indulxencia (é dicir, o mesmo mérito que practicando o xaxún ou penitencia os cen días).(Revista das Festas do Carme do ano 1981)

A min, persoalmente, este cruceiro lévama a cando eu era un neno e me levaban á misa da Patroa, a Virxe do Carme, e como había que estar fóra, pois dentro non se entraba, poñíanme á sombra dos árbores que alí había.


Tamén lembro outra cousa curiosa relacionada co cruceiro, xa que nestas datas, abondaban as instantáneas fotográficas o seu pé, pois o que máis ou que menos estreaba algunha roupa nestas festas e gustaba de retratarse.

A Plataforma:
É cuadrangular, con tres gradas visibles na actualidade. Noutro tempo tiña catro visibles, por mor da pavimentación quedou unha soterrada.


Enriba da grada superior leva o pousadoiro, do mesmo ancho que esta última e máis longo (nuns dez centímetros na parte traseira e sobre duns trinta centímetros na dianteira), dando a sensación dunha dobre planta. O material, tanto das gradas coma o do pousadoiro era de ollo de sapo a diferencia do pedestal, varal, capitel e cruz que son de granito. Esta diferencia entre a parte inferior e superior contrastaba grandemente, sendo unha curiosidade máis deste especial cruceiro. Na actualidade xa non é así, agora leva tres gradas dun granito gris que contrasta co granito da parte superior (pedestal, varal, capitel e cruz). A parte do pousadoiro foi serrada polos laterais e a pedra de debaixo é máis estreita e máis elevada ca primitiva. Trocouse a súa feitura e estética.

O Pedestal:
É de forma de prisma cuadrangular, é dicir, cúbica; aínda que na parte de enriba pecha cunha pequena curvatura ou inclinación.


Na parte do reverso ou cara que queda mirando ao Pobo, leva dous baixorrelevos: un da Dolorosa e outro da Magdalena. Representacións que poucas veces se ven xuntas nos pedestais dos nosos cruceiros galegos e, único neste Concello. As dúas imaxes van en cadansúa fornela, feitas tamén en baixorrelevo, e rematadas na parte superior a xeito semicircular.


Na cara do pedestal que dá á Avda. de Ortigueira e na que dá á Capela, leva unhas letras ou texto, ilexibles na actualidade, e que segundo recolleu o noso finado Cronista Oficial, D. Enrique Rivera Rouco, dí: “DEVOCIÓN DE D. FCO. BOUZA, NATURAL DE GRAÑAS DEL SOR, AÑO DE 1828” e a concesión decretada polo Bispo de Mondoñedo, D. Francisco López Borricón, a quen rece diante do cruceiro tres Avemarías e unha Salve, de cen días de indulxencia.


A data de 1.828 permítenos datar o cruceiro, sabendo deste xeito o ano da súa construción.

O Varal ou Fuste:
É, coma os da gran maioría desta zona, de sección oitavada ou octogonal. Mais diferente no que se refire ás representacións ou labras que nos varais ou fustes dos outros cruceiros se representan, pois é totalmente liso e sen figuras nel, cousa que chama a atención. É curto, é dicir, de pouca altura (en proporción ao conxunto) e ancho. Está feito en granito.



O Capitel:
Ten, este cruceiro, un capitel sinxelo e, ao mesmo tempo, de gran tamaño. Conta con volutas nos seus catro ángulos, sendo polo tanto de orde xónico. Leva, no medio de cada cara, un anxo alado.


Este capitel é típico desta zona de As Pontes, a única diferencia cos demais é o tamaño do mesmo, pois este é un chisco máis grande cos outros; e algunha que outra pequena diferencia coma a falta de cadeas baixo dos anxos.

A Cruz:
Leva, este cruceiro, unha cruz que, ao igual co varal, é octogonal ou de sección oitavada.


É unha cruz ben grande e que ten os extremos dos brazos abertos, en catro partes cada un; é dicir, abertos en xeito de catro pétalos con botón central.


No seu anverso leva o Crucificado. No seu reverso á Virxe co Neno no colo. É unha Virxe do Carme.

A Cruz anverso, o Cristo:
Ten este cruceiro o Crucificado ollando cara a fachada da Capela do Carme. Ten o corpo adiantado con respecto da Cruz, isto é, coa inclinación cara adiante. A cabeza inclinada cara á dereita. Na coroa as espiñas sobresaen moito, semellando ser tamén de ferro. Leva os ollos pechados. As mans abertas e un cravo de ferro en cada unha. Os pés apoiados sobre dunha caveira (símbolo segundo Castelao do triunfo sobre do “pecado orixinal”), co pé dereito cravado sobre do esquerdo (leva, polo tanto, tres cravos; dous nas mans e un nos pés). Os cravos son de ferro e sobresaen abondo, sendo un caso curioso e raro ao mesmo tempo. (Único no nos concello).

A Cruz reverso, a Virxe:
A Virxe leva o Neno Xesús no colo, constituíndo unha rareza nos cruceiros, pois a maioría levan a Dolorosa. Esta representación da Maternidade é interpretada por algúns escritores galegos, como Álvaro Cunqueiro, coma un símbolo da fecundidade da muller galega. Mais o que si representa é o infinito amor da Nai polo Neno Xesús, o seu fillo.


A imaxe da Virse ten a testa coroada, corpo cuberto por un manto, o Neno nos brazos no lado esquerdo e os pés sobre dun pequeno pedestal. Tanto o manto como a coroa confírenlle unha aparencia rexia.


A Virxe está proporcionada con relación ó Cristo. Atópase pegada á Cruz, e non está apoiada no capitel coma na maioría dos cruceiros do noso Concello.

Texto e fotografía aportados por D. Xose María López Ferro, director do Museo Etnográfico Monte Caxado de As Pontes, a quen agradecemos o seu traballo e colaboración.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s