PATRIMONIO PONTÉS VIII

Hoxe imos ver un exemplar de cruceiro incompleto excepcional, pois polas súas características é único no noso concello: O cruceiro da Capela de San Roque-Goente. Un cruceiro que debera estar moi coidado e que por mor do traslado está nun estado malo. É un exemplar de cruceiro con peto de ánimas, único no concello, e cunha tradición peculiar e pouco coñecida na actualidade e que logo explicarei.

CRUCEIRO DA CAPELA DE SAN ROQUE-GOENTE

Localización:
A situación orixinal deste cruceiro era no Val de Seoane, por mor das expropiacións da mina de ENDESA, foi trasladado xunto coa a capela de San Roque. Actualmente está na marxe dereita da estrada que vai de As Pontes a Goente, a altura do cemiterio de Goente, xusto enfronte. Alí se puxeron a capela de San Roque do Val e o cruceiro, preto do camiño real. O material no que está traballado é pedra de gra ou granito.

Plataforma:
Está formada esta plataforma por tres gradas cuadrangulares de granito. A primeira, a inferior, está asentada sobre unha base de cemento que sobresae do chan e que ten as medidas dela, polo que dá a sensación de que a primeira grada é máis grosa cas outras dúas.


Outra característica que ten este cruceiro na súa plataforma e que non teñen os outros cruceiros é que a súa grada máis pequena, a superior, está cortada no anverso e no reverso do cruceiro facendo de pía onde se recollía a auga que saía polos canos que hai en ámbolos dous lados do cruceiro. A grada intermedia tamén leva rebaixe nos dous lados para rematar a pía. Segundo D. Enrique, nelas recollíase a auga do Santo ou da Virxe, o levábanse os animais a beber porque San Roque (unha das figuras, a que ten o can) era o avogado dos animais. (Esta é a tradición da que falaba ao comezo e que había nesta zona, de que cando enfermaba unha vaca ou outro animal, levábase a beber a auga desa pía do cruceiro porque era avogosa para sandar aos animais enfermos; e de non poder levar ao animal, íaselle a buscar a auga para darlla).


Outro dato é que entre a primeira e segunda grada inferiores leva un caño de saída da auga do pío. E no lado que dá á capela, foi reparado con ladrillo e cemento nun tramo de vinte a trinta centímetros, xusto por riba da saída da auga. (Outro claro exemplo das restauracións chapuceiras tan habituais).

Pedestal:
Atopámonos, tamén nesta parte do cruceiro, cunha característica pouco frecuente: un pedestal dobre. Os dous teñen a mesma feitura, aínda que o inferior é máis grande ca o superior.


O primeiro é máis grande, con forma cúbica e achafranada na parte superior. Leva dous petos de ánimas, un no anverso e outro no reverso do cruceiro. O do anverso, que é o que dá cara a Capela, leva unha tapa metálica con fendas para meter as esmolas e un pecho con candado que arrinca do lateral esquerdo (ollándoo de fronte) e pasa por diante da tapa metálica. Nel tamén se poden apreciar os restos dunha inscrición, ilexible na actualidade, e que está situada na parte superior do peto; na parte inferior, case que ilexible, a data, 1800. O do reverso so conserva parte da tapa metálica; e do pecho metálico con candado, só os ancoraxes.

O pedestal superior tamén é de forma cúbica e achafranado na súa parte superior, é máis pequeno ca o inferior. No anverso leva a figura dun santo, San Roque co can. É unha talla de medio relevo, non moi grande e da que sae un tubo de chumbo da súa base por onde sairía a auga que caía na pía, “a auga do Santo”, que faría relación ao manancial que aparecera no lugar onde se refuxiou San Roque (un bosque de Roma) cando se contaxiou con chagas da xente enferma que el atendía. A figura do can alude ao can que lle levaba, todos os días, un bolo de pan para alimentalo mentres estaba doente.

No reverso atopámonos cunha talla bastante estragada na que non podemos apreciar moito. Don Enrique di que é unha imaxe da Virxe e tamén fai alusión a que outros autores apuntan a outro patrón (San Francisco?). Tal e como está a figura é algo indescifrable. Da súa base tamén sobresae un tubo de chumbo por onde sairía a auga que caería na pía dese lado.

Varal:
Atopámonos cun varal bastante curto nesta ocasión, por mor da altura do pedestal dobre acurtouse o varal para que non erguera en demasía o cruceiro.
É un varal de sección octogonal.. Os remates superior e inferior son cadrados para encaixar no capitel e no pedestal respectivamente.
Non se observa inscrición nel, polo tanto é liso.

Capitel:

É un capitel cuadrangular, de tipo tronco-piramidal invertido. Leva catro volutas angulares, pouco traballadas, so van marcadas. No medio de cada cara vai un anxo alado, tamén pouco labrado. Na parte superior e na inferior leva molduras, a de arriba é recta no canto e a de abaixo é de medio bocel.

Cruz:
A cruz é de sección octogonal regular. É unha cruz alta que ten o tres brazos superiores iguais; non é moi grosa. Leva un Cristo de metal de feitura relativamente moderna. Presenta unha zoa de fisura ou rotura, por detrás do corpo do Crucificado.

É de supoñer que orixinariamente non tivera esta imaxe metálica e sí un Crucificado de pedra, mais non o podo asegurar.

O QUE NOS DI D. ENRIQUE RIVERA ROUCO SOBRE ESTE CRUCEIRO:

Don Enrique Rivera Rouco dicía del o seguinte, no folleto díptico da XVIII Feira do Grelo do ano 1998: “O Cruceiro de San Roque en Goente. Este cruceiro, xunto coa súa Capela, estaban situados no Val do Seoane, de onde s trasladaron a preto do Cemiterio de Goente (As Pontes), co gallo da expropiación dos terreos feita por ENDESA. É un exemplar moi antigo, logrado en cantería, distinto dos existentes nesta comarca: sobre mastro hexagonal leva capitel clásico da orde corintio, con volutas nas esquinas, catro cabezas de anxo nos lados e rematando en cruz, tamén tres brazos hexagonais, coa única imaxe escultórica do Crucificado, que o facer o traslado da obra deixárona posta do revés, xa que debía mirar cara adiante en ademán de acollida e benvida ós devotos que alí se acercaran. Forman o seu basamento tres escaleiras máis dúas pezas cuadrangulares e superpostas (todo en cantería): a primeira, cara á Capela, ten encastrado un peto para a recollida das esmolas, pechado con porta de ferro forxado e xa enferruxado. Na peza superior un alto releve de imaxe de S. Roque co seu can ó lado, e entre as dúas cepas aparecen os restos dun tubo de chumbo que traía auga do manancial do Santo, caendo nun pío labrado na terceira escaleira para recollela coma cousa de virtude e incluso levaban alí animais a bebela porque S. Roque é o seu avogado. No lado contrario, ten igualmente outra imaxe en alto releve, que representa á Virxe, figura moi ruda e antiga. Debaixo, unha fornela que puido albergar a efixie doutro santo; sendo así, é un exemplar dos cruceiros chamado Loretos (modalidade da Escola italiana de Bramante, do século XV). Outros opinan que se trata dun segundo peto cousa moi inusual por ser un so Patrón.

Por esa banda hai outro pío da auga como o anterior. FEBREIRO DE 1997 Enrique Rivera Rouco CRONISTA OFICIAL DAS PONTES

Texto e fotografía aportados por D. Xose María López Ferro, director do Museo Etnográfico Monte Caxado de As Pontes, a quen agradecemos o seu traballo e colaboración.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s