Outro exemplar dos cruceiros completos podémolo ver en San Pedro de Eume, moi próximo á igrexa e do que non hai datos de cando se mandou erixir nin por quen, xa que nel non se aprecian inscricións visibles ao respeto.

CRUCEIRO DE SAN PEDRO DO EUME-IGREXA
Localización:
Fronte a Igrexa de San Pedro do Eume atopamos este cruceiro de granito. Está situado no lateral esquerdo da pista, segundo se vai cara a igrexa. Hoxe hai unha pista que sube, xusto por detrás do cruceiro, cando eu o visitei, hai uns anos, había un camiño sen asfaltar.
Plataforma:
É unha plataforma rectangular formada por pedras de gra ou granito. Leva un total de tres gradas. Hoxe, co asfaltado do camiño, practicamente redúcense a dúas. Topamos unha vez máis coas malas actuacións e falta de respecto polo patrimonio e o cruceiro queda soterrado.
Pedestal:
O pedestal é liso, sen relevos nin inscricións. Ten forma de prisma rectangular con remate superior con moldura a xeito de media cana.
Varal:
No varal comezan as características especiais das que falaba ao inicio. Como a maioría dos varais da zoa é octogonal regular, comeza coma eles de xeito cadrado para introducirse no pedestal, mais este (ao contrario dos outros da zoa) non remata cadrado para introducirse no capitel, senón que o fai de forma octogonal saíndose do canon.
Leva adornos nos chafráns inferiores, a xeito de saíntes.
Capitel:
O capitel tamén se sae do canon habitual, xa que é totalmente diferente aos vistos ata o de agora.
É un capitel máis do estilo corintio, é dicir, cunha especie de follas rematadas en volutas angulares e, no medio, anxos moi traballados (cabelos, cellas, ollos, nariz, boca moi ben logrados) e coas ás apoiadas nas follas que forman as volutas e que saen dende a moldura inferior.
Ten forma de tronco piramidal cuadrangular invertida, con moldura inferior cuadrangular e, tamén, moldura superior ou ábaco, curvo.
Cruz:
Exemplar de cruz alta e feita, como o resto do cruceiro, en pedra granítica.
A sección da mesma é octogonal ao igual co varal; na base é de sección cuadrangular (no encaixe co capitel). O brazo superior pequeno con respecto aos brazos horizontais. No remate dos mesmos vai florenzada con botón central.
Cruz anverso, o Cristo:
Cartela de INRI lexible, rectangular horizontal.
Cristo de tamaño medio. Cabeza e ombreiros afastados da cruz. Leva a testa lixeiramente inclinada á dereita. Con coroa de espiñas ben marcada. Ollos pechados. Tres cravos, dous nas mans (que van abertas) e outro nos pés (o pé dereito sobre do esquerdo). Os pés van cravados directamente na cruz e non teñen apoio por baixo.
Leva pano de pureza atado con cordón á dereita.
Cruz reverso, a Virxe:
A imaxe da Virxe pertence a unha Dolorosa con sete puñais cravados no corazón e que semella soster coas mans que levan os dedos entrelazados.
Vai apoiada sobre dunha peaña pequena semiesférica e onde lle asoman os pés por baixo o vestido; zoa moi traballada onde se poden observar os pregues feitos na roupa ao redor dos pés. Dita peaña vai sobre unha pequeniña esfera.
Outra particularidade deste cruceiro é que os símbolos da Paixón, que noutros casos están no pedestal ou no varal, neste van gravados no vestido da Virxe: cravos, disciplina, martelo, escada, espada e tenaces (de abaixo cara arriba), constituíndo un raro exemplar para meu parecer, polo menos dentro do noso concello, sendo o único que ten esta peculiaridade.
A imaxe leva un manto que lle cubre dende a testa ata abaixo.
Texto e fotografía aportados por D. Xose María López Ferro, director do Museo Etnográfico Monte Caxado de As Pontes, a quen agradecemos o seu traballo e colaboración.