Seguindo cos cruceiros completos imos ver hoxe un fermoso exemplar de cruceiro con pousadoiro e que é de mediados do século XIX.

CRUCEIRO DE RIBADEUME – O CAMPO
Localización:
Situado nun lugar de encrucillada e ao mesmo tempo no lugar do antigo campo da festa. Nun lugar de encrucillada pois está no cruce que hai na estrada As Pontes-A Faeira e a pista que colle ao pé da igrexa cara a Igrexa de Santa María e ao Carreiro e ao Sixto.
Trátase dun exemplar alto e rexio, feito en pedra de gra.
Plataforma:
Formada de tres gradas rectangulares de altura media e feitas en pedra de granito. Na superior leva un pousadoiro -con media escocia lateral- para, como o seu nome indica, pousar os cadaleitos e rezar un responso pola alma do defunto, cousa habitual nos enterros dalgún día e costume ou práctica que hoxe está desaparecida. Tamén aproveitábase para remudar os levadores, en traxectos longos. Ás veces, era empregado para pousar un ramo de flores, exvotos, esmolas…
Pedestal:
Alto con escocia nas catro caras, con molduras (superior e inferior) e erguido sobre un tronco prismático cuadrangular.
Leva a inscrición na parte baixa da cara da cruz anverso, co ano no que foi erixido, 1863. Di así:
AÑO DE 1863
Fuste ou Varal:
De sección octogonal, rexio e longo. No inicio e no final e de sección cadrada. Na parte superior está encintado pois ten unha fendedura (como logo veremos tamén ten algunha que outra rotura).
(Estes cruceiros situados preto das estradas están sometidos a un maior risco de sufrir algún contratempo, pois os camións, tractores e demais maquinaria pesada poden danalos con facilidade ao menor despiste dos condutores. Debera contar con algún tipo de protección ao seu arredor para evitar as aproximacións innecesarias e perigosas).
É un varal liso, sen inscricións nin relevos.
Capitel:
É un capitel non moi finamente traballado, de tipo cuadrangular en astrágalo e liso. Leva volutas angulares pouco elaboradas; no medio delas, testas de anxos con ás (tamén pouco traballadas).
O tamaño non é moi grande, podendo dicir que nos atopamos ante un capitel pequeno.
Vai encintado, posiblemente por rotura, na unión co varal.
Cruz:
Temos neste ocasión unha cruz de sección octogonal con inicio cadrado no capitel. É unha cruz de grosor medio e co remate dos brazos horizontais e brazo superior en florenzado con botón central.
Cruz anverso, o Cristo:
A imaxe do Crucificado deste cruceiro é de tamaño medio, tirando a pequeno. Non é unha imaxe moi traballada, isto apréciase nas faccións e no resto do corpo. Destacan o pequeno tamaño do pano de pureza e as costelas que están moi marcadas.
Leva tres cravos, dous nas mans (que van abertas) e o outro nos pés (pé dereito sobre do esquerdo). Testa lixeiramente inclinada cara á dereita, ollos pechados e moi resaltados, barba marcada e pouco traballada, coroa de espiñas e carteleira de INRI moi gastada. O pano de pureza non leva cordón e vai anoado á dereita.
Cruz reverso, a Virxe:
Imaxe dunha Virxe en actitude orante, coas mans xuntas en actitude de rezo. É unha imaxe media, tirando tamén a pequena coma a do Cristo.
Apoia sobre dunha peaña cuadrangular con rebaixe inferior e esta, á súa vez, apoiada sobre da testa dun anxo alado.
Os pés sobresaen por baixo o vestido que leva pregues. Manto que lle cobre dende a testa ata os pés.
Trazos da faciana non moi traballados, ao igual ca no do Cristo. Ollos moi redondos e saíntes.
Destaca a anchura da figura en relación co pequeno tamaño da mesma.
Texto e fotografía aportados por D. Xose María López Ferro, director do Museo Etnográfico Monte Caxado de As Pontes, a quen agradecemos o seu traballo e colaboración.