PATRIMONIO PONTÉS XIV

O exemplar de hoxe non é moi coñecido, agás polos veciños da zona, e poucas veces ou case nunca apareceu nomeado en relacións de cruceiros do concello. Falo do

CRUCEIRO DA PEDRAFITA:

Cruceiro situado no medio da maleza e ao pé da pista. É un cruceiro onde están presentes os símbolos da Paixón. Con inscrición e elaborado todo el en pedra de granito.

Localización:
No lugar da Pedrafita, preto da casa dos de Silva, e ao pé da pista da Pedrafita.

Gradas:
Cunha soa grada visible, as outras non se aprecian por mor da terra e da herba ou porque só ten unha grada. É cuadrangular. É moi probable que teña, como mínimo, outra máis.

Pedestal:
É de xeito tronco piramidal cuadrangular, con inscrición nos catro laterais. Na parte baixa é un prisma cuadrangular para logo ir transformándose en tronco piramidal, moi semellante a outros xa vistos.
Leva inscrición nas catro caras, practicamente, ilexible. Nun dos laterais pódese apreciar unha data: 1898? Non está moi clara. Tratei cun xiz branco remarcar as palabras, pero pouco saquei en limpo, nunha delas algo do que se le é:
DEBOCIÓN DE
………………….
FERNÁNDEZ?….
…………………….
………FILOMENA
…Z..AÑO D 1898?

Noutro lateral, o da cruz anverso, lese algo así como:
……………..
…IERA ORACI
ÓN APROBADA
AL..IGLESIA E
..A…DESTA..
…………………….

Nun terceiro lateral, ao final parece poñer SIENDO OBISPO, mais non estou de todo seguro, pois a lectura é dificultosa, practicamente non se le nada (como no cuarto lateral) pola erosión da pedra, mais si se ve que hai inscrición neles. Mágoa que estes datos se perdan, pois con eles pérdese información das persoas que o mandaron erixir, do ano, das intencións polas que se erixiu…

Varal:
É cuadrangular no comezo e no final. Na parte superior vai con moldura de xeito recto, como potenzado. Octogonal polo resto, xa que leva chafrán con remates de punta de frecha. Leva símbolos da Paixón, de abaixo a arriba: escada, espada, tenaces, martelo e tres cravos. Neste caso non aparece representado o flaxelo.
Na parte cadrada superior leva catro figuras xeométricas, unha a cada lado e compostas por un rombo con botón central, e catro botóns angulares exteriores ao rombo. Son coñecidas estas figuras co nome de losanges.
No lateral da cruz anverso, ten unha rotura visible que vin dende o rombo ou losange ata a moldura recta superior na que remata o pedestal. Falta un anaco de dita moldura.

Capitel:
De xeito tronco piramidal invertido. En cada cara dúas volutas e anxo con ás no medio.
Polo lateral, correspondente ao Cristo, está deteriorado, concretamente nas volutas e na unión co varal.

Cruz:
De brazos desiguais, curtos e de sección octogonal e rematados a xeito florenzado con botón central. É de brazos curtos e non moi grosa.

Cruz anverso, o Cristo:
Imaxe do Cristo desproporcionada, con brazos e pés curtos e cabeza grande en referencia ao resto do corpo.
Leva a testa inclinada cara á dereita e cunha coroa de espiñas, enriba dela, o letreiro de INRI lexible. As mans abertas e en cada unha un cravo, ao mesmo que outro nos pés. É dicir, tres en total. O pé dereito sobre do esquerdo e apoiados enriba dunha caveira. Simboloxía do triunfo sobre o pecado.
Manto de pureza con cordón atado á dereita.

Cruz reverso, a Virxe:
Imaxe deteriorada na parte inferior dereita. É unha imaxe da Dolorosa.
Enriba da testa leva unha M (maiúscula) símbolo de María.
Imaxe cuberta toda ela por un manto, cuxos pregues caen por debaixo dos brazos. Mans cos dedos entrelazados e puñal cravado no peito.
O tamaño da imaxe é pequeno e desproporcionado ao tamaño da cruz. Está apoiada a imaxe sobre o capitel, parece que lle saen os pés por debaixo do manto. Pero ao estar deteriorada na parte baixa, tamén poderían ser restos dunha peaña, non o teño claro.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s