Seguindo cos nosos cruceiros completos imos hoxe cun exemplar que, orixinalmente, debeu de ser uns dos máis bonitos do noso concello. E digo orixinalmente porque foi restaurado. Estou a falar de:
CRUCEIRO PARROQUIAL DE SAN XOÁN DO FREIXO. O FREIXO-IGREXA:

Situación:
Achegado a Igrexa Parroquial de San Xoán, está afastado dela pola pista que pasa entrambos, posiblemente no que noutrora fóra unha encrucillada de camiños, pois alí coinciden catro, o que o convirte nun cruceiro de Igrexa e de encrucillada ao mesmo tempo.
Plataforma:
É cuadrangular, de catro gradas. A primeira moi alta, case que o dobre das outras. Esta feita en pedra de ollo de sapo e algo cimentada por riba nalgunhas zoas.
Pedestal:
A forma do mesmo é de tronco piramidal, aínda que na parte inferior é un prisma cuadrangular con inscrición e relevos da Paixón, Vía Crucis, na parte piramidal.
A inscrición infórmanos de quen o mandou erixir e lese moi ben pois ten as letras repasadas con pintura, di:
ESTE CRUCIFIJO FUE
PUESTO POR JOSE
BELLAS
Os medio-relevos relativos ao Vía Crucis, representan a Xesús coa Cruz ás costas, a caída, a flaxelación, e a axuda recibida camiño do Calvario. Van nas catro caras do mesmo e están moi ben conservados. É un pedestal único nesta zona e no que se aprecian ben as representacións coma tamén a inscrición.
O Varal:
O varal é cadrado, no seu comezo e no seu remate, e logo octogonal, pois vai con chafrán nas arestas e rematados os chafráns en puntas de frecha.
Na base cadrada do mesmo leva unha inscrición, concretamente o ano no que foi erixido:
AÑO
DE
1899
Na parte cadrada superior leva outra inscrición que non está moi claro a que fai referencia, concretamente:
Nº 53
Pola parte frontal leva en medio-relevos, os símbolos da Paixón. De abaixo a arriba: escada, disciplina (látego ou flaxelo), tenaces, martelo e tres cravos. O seu tamaño non é moi grande, máis ben pequeno, polo que a altura está lograda grazas a altura das gradas, superior á de outros exemplares. Está feito, xunto co pedestal e o capitel, en pedra de granito.
O Capitel:
Leva un capitel de forma cuadrangular, con ábacos curvilíneos nas esquinas e testas de anxos no centro entre as volutas esquinais. Os anxos van alados, chegando as ás, pola parte de abaixo, dunha voluta á outra. Non é un capitel moi grande, mais está en proporción do resto do conxunto. As ás, en comparación coas de outros cruceiros, son pequenas. E as caras dos anxos, labradas bastamente.
A Cruz:
A Cruz é unha cruz grega de sección octogonal. Leva os brazos rematados con rosetas.
A cruz anverso, o Cristo:
É un Cristo de canon pequeno coma o resto do cruceiro. Inclina a testa –que vai coroada de espiñas- cara a dereita, enriba dela leva o letreiro ou cartela de INRI lexible, rectangular horizontal e estreito. Os ollos pechados e o pelo longo. As mans abertas cun cravo cada unha. Corpo pouco traballado, as costelas están suxeridas, e os pés cravados xuntos o dereito sobre o esquerdo.
Leva pano de pureza, sen cordón, anoado á dereita.
Conserva restos de policromía no corpo e no pano de pureza, polo que é posible que no seu día estivese pintado.
Segundo as miñas informacións é unha reprodución do orixinal en cemento, pois xa hai anos, rompera a cruz. Polo que toda esta parte, Cristo, Cruz e Virxe, é unha reprodución en cemento do orixinal.
A cruz reverso, a Virxe:
A Virxe é unha representación da Piedade. É unha imaxe sinxela cun Cristo xacente, pequeno e en posición horizontal no colo.
O curioso é que leva as mans en posición de rezo e o Cristo dá a sensación de que vai apoiado nos seus xeonllos.
A imaxe vai apoiada nunha peaña sinxela e circular.
Coma o resto da cruz é reprodución en cemento.
Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración