E como estamos en festas (o artigo está feito o día 17 de xullo), pois imos co cruceiro da nosa Vila ou cruceiro da praza da Igrexa Parroquial Santa María. Cruceiro recente no tempo, pois nos anos 90 tirábanse as casas alí existentes, facíase a praza e colocábase este cruceiro que é o máis grande e voluminoso dos cruceiros do noso concello.
CRUCEIRO DA PRAZA DA IGREXA PARROQUIAL DA VILA

Este é un cruceiro novo, relativamente, pois foi feito e colocado cando se remodelou a praza da igrexa, ao tirar as casas que alí había e facer a praza. Non é un cruceiro típico, senón que é un cruceiro monumental para ornar o centro dunha praza de igrexa. A inauguración da nova praza e do cruceiro tivo lugar o día 18 de marzo de 1991. O construtor do mesmo foi Feal, de Ferrol.
Encádroo dentro dos cruceiros completos porque ten todas as partes, aínda que non se axusta ao canon dun cruceiro normal, como veremos e ditas partes non están situadas onde marca o canon xeral.
Un dos aspectos que máis destacan nel é a súa altura, por mor dun alto pedestal no que se atopa erguido.
Tamén hai que dicir que é un cruceiro fonte, pois ten dous canos por onde sae auga que é recollida nunhas pías laterais..
Localización:
No centro da praza da Igrexa Parroquial de Santa María, na Vila.
Plataforma:
Como xa dixen este é un cruceiro moderno e atípico, pois non segue o canon dun cruceiro normal. A plataforma non está formada exactamente por gradas ou chanzos, consta dunha base cuadrangular que sobresae do chan da praza e que fai as veces dunha plataforma ou grada
Pedestal:
Ao igual que no caso da plataforma, o pedestal tampouco é normal, o seu tamaño é moi superior a calquera dos da zoa. Ten forma cúbica con adornos e canos de auga en dúas das caras, na do anverso e na do reverso.
Na cara que da cruz anverso, ten un cano que sobresae dentro dun semicírculo labrado na cara. Leva unha pía na base da mesma, onde se recolle a auga.
Na cara da dereita da cruz anverso, é similar a anterior na súa feitura, e leva o escudo de As Pontes de García Rodríguez e un tallo en pedra para sentarse.
Na cara posterior, cruz reverso, é similar a da cruz anverso, con cano de auga e pía.
Na cara da esquerda da cruz anverso, leva a sinatura do artífice construtor, Feal dentro dun escudo, debaixo un león e, debaixo deste, a data de construción, 1991. e con tallo de pedra para sentarse.
Este pedestal leva moldura na súa parte superior e con media escocia entre as molduras rectas. Enriba leva outro pedestal (falso pedestal) con base de media escocia invertida, sobre o que se ergue de xeito octogonal, cunha especie de catro volutas verticais, e sobre estas unhas molduras e bocel octogonal e, sobre eles, o varal. Entre medio das volutas, unhas superficies lisas cun rectángulo rebaixado nelas.
Varal:
O varal é de sección circular. É un varal rexio, forte e grande coma o resto do cruceiro.
Na base do anverso leva a imaxe da Virxe (xa dixen que non era un cruceiro que se axustaba ao canon). É unha imaxe dunha Virxe María, similar a unha Asunción, fermosa e ben lograda. Vai como apoiada nunha nube ou algo similar, os pregues da vestimenta moi logrados e imaxe dunha Virxe nova. Se cadra semella a Virxe do altar principal (parte superior) da Igrexa Parroquial de Santa María, e que tamén está representada na pedestal do cruceiro do Poboado (que no seu día era o cruceiro do pobo e que estaba situado na praza do Hospital.
O varal é liso e remata en moldura de bocel.
Capitel:
O capitel é octogonal na súa parte superior e cilíndrico na inferior. Unha folla de acanto remata en cada cara do octógono superior. É un capitel grande e ancho, proporcionado co varal. Remata con moldura. Coma o resto do cruceiro está moi ben traballado.
Cruz:
É unha cruz grande e cilíndrica, seguindo o canon do conxunto. É lisa e ensánchase na parte do brazo vertical inferior, rematando de xeito octogonal e empatando co capitel.
Cruz anverso, o Cristo:
Cartela de INRI ben lexible, é rectangular horizontal con pregues rotos nos laterais.
A imaxe do Cristo é de bo tamaño, proporcional á cruz. Leva coroa de espiñas, testa inclinada á dereita, ollos pechados, mans abertas e tres cravos (dous nas mans e outro nos pés), pé dereito sobre do esquerdo. Pano de pureza atado á dereita e sen cordón. Musculatura de brazos, torso e pernas, así coma os trazos faciais moi logrados, a imaxe está moi ben traballada e lograda no seu conxunto. Nos xeonllos pódeselle apreciar as pegadas do calvario que tivo que sufrir.
A Cruz reverso, coa Virxe non ten, polo que podería considerarse incompleto, pero como a leva no varal, considero que ten todos os elementos do completo e por este motivo esta dentro deste grupo.
Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración