Archivo por meses: agosto 2022

PATRIMONIO PONTÉS XXI

Imos con outro exemplar, este máis novo que os vistos ata o de agora, e seguimos sumando exemplos de cruceiros do noso concello pontés e aínda quedan os clasificados como incompletos. Hoxe toca falar do:



CRUCEIRO DO APARRAL-IGREXA



Na parroquia do Aparral atopámonos con varios cruceiros, o exemplar do que vou falar é un exemplar de cruceiro novo, pois é do ano 2000 e vén substituír ao que había neste lugar. É un cruceiro que está feito en pedra de granito e traballado moi finamente, moi posiblemente con corte de máquina nas pezas máis grandes, gradas, pedestal e varal.


Localización:
Localizamos este cruceiro no adro da Igrexa de Santa María do Aparral, na zoa con xardín que hai poucos anos se fixo ao pé da Igrexa. É un rexio e bonito exemplar de cruceiro de Igrexa e de campo da festa. Na marxe esquerda da pista que baixa ata a igrexa.

Plataforma:
Composta de tres gradas cadradas de altura media. E posiblemente cortadas coa maquinaria, pois pola súa fineza non parecen labradas pola man do canteiro. As gradas están compostas, cada unha de elas, por varias pedras. e non son moi altas.

Pedestal:
O pedestal ten unha parte a xeito de prisma cuadrangular e logo outra de forma tronco piramidal de base cadrada.
Leva inscrición dentro dun rebaixe na cara do anverso que nos informa da persoa que o mandou facer e pagou e o ano e que di:

CRUCEIRO
DONADO POR
JOSE Mª LOPEZ LOPEZ
APARRAL AÑO 2000


Varal:
De sección cadrada con chafrán (non moito) e con empece e remate totalmente cadrado para os encaixes.
É un exemplar que leva os símbolos da Paixón, de abaixo cara arriba: escada, espada, tenaces, martelo e tres cravos.
Tamén leva adornos romboidais metidos en rectángulos e con catro puntos nos ángulos. Estes adornos atopámolos nas catro caras, na parte superior baixo o capitel.

Capitel:
Capitel dobre, na parte inferior é tronco piramidal invertido e con escocia, na parte superior, é case cadrado, con volutas angulares ou esquinais simuladas con semicírculos concéntricos e venera (cuncha de vieira) no medio (en cada cara).
Ao ser un exemplar recente os xeitos do oficio variaron e as representacións non seguen os canons establecidos noutrora.

Cruz:
É un exemplar de cruz forte, lisa e de sección cadrada toda ela e con lixeiro chafrán, agás nos remates dos brazos.
O brazo vertical superior bastante alto con relación a outros cruceiros.

Cruz anverso, O Cristo:
Feitura con liñas e aspecto moderno, con cabeza erguida e un pouco afastada da cruz, ollos pechados, coroa de espiñas. Torso moi marcado. Leva pano de pureza atado con cordón ao lado dereito.
Tres cravos, dous nas mans que as leva moi pechadas e outro nos pés (o pé dereito sobre do esquerdo). Os pés van apoiados sobre unha peaña que sobresae da cruz.
Cartela grande e con pregues nos extremos, coas letras INRI.
A figura semella pouco proporcionada en relación co tamaño da cabeza.

Cruz reverso, A Virxe:
Ao igual co Cristo as liñas e a feitura da imaxe da Virxe é modernista. É unha imaxe de Virxe en actitude orante, coas mans dereitas.
Vestido con pregues e pano dende a testa ata os pés, que non se lle aprecian por ir cubertos co longo vestido. A imaxe, de pequeno tamaño en relación coa cruz, mais non co Cristo, vai apoiada sobre dunha peaña tronco piramidal cadrada e invertida.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración

PATRIMONIO PONTÉS XX

O exemplar de hoxe é un cruceiro, eu diría, pouco coñecido pola xente do noso concello, agás a da zona onde está enclavado. Falo do:



CRUCEIRO DOS CAMELEIROS (SAN PEDRO DO EUME)



Non é un exemplar moi alto, pero o conxunto é fermoso e máis no emprazamento no que está.
Está feito dunha pedra de gra fina, cun acabado moi logrado, dando a sensación dunha perfección mecánica e non manual. Aínda así é un fermoso exemplar de cruceiro con algunhas particularidades que imos ver deseguido.

Localización:
Na parroquia de San Pedro do Eume, no lugar dos Cameleiros, atopamos este cruceiro. Está dentro dunha finca particular con muro e cancela, hai unha casa que ten unha árbore grande e seca, diante dela. A primeira á esquerda segundo se sube na pista que vai a dito lugar.

Plataforma ou gradas:
Está formada por dúas gradas rectangulares, a inferior un pouco máis alta ca superior.
As pedras están finamente labradas o que indica a intervención de maquinaria no se corte.
Son gradas de pouca altura e formadas por varias pedras cada grada. E como só son dous chanzos, non lle confiren moita altura ao conxunto.

O Pedestal:
É un exemplar de pedestal prismático rectangular, con chafrán na parte superior e con rebaixes nas arestas verticais, aproximadamente na parte media superior.
Liso nas súas caras e sen inscricións.
Pódese dicir que é un pedestal sinxelo, non moi alto e proporcionado ao conxunto do cruceiro.

O Varal ou Fuste:
O varal é de sección cadrada e con chafrán nas arestas. A parte inferior e superior do mesmo en totalmente cadrada para incrustar mellor no pedestal e no capitel respectivamente.
Non se lle aprecian inscricións nin figuras ou relevos. É dicir, é liso.
Non é un exemplar moi alto, pero si é proporcionado co conxunto.

O Capitel:
Atopámonos cun exemplar moderno de capitel cuadrangular con gorgueira e sen adornos, é dicir, liso. É alto e con bocel na parte inferior e remate prismático cuadrangular na superior.
Os cortes, as arestas e as superficies son moi lisas, polo que indican a intervención de maquinaria.

A Cruz:
Modelo de cruz de sección cadrada, grosa e sen chafrán. Vai traballada no interior, sendo lisa a dous ou tres centímetros das arestas.
Proporcionada en relación ao conxunto do cruceiro e seguindo a tendencia lineal do mesmo.
Eu diría que, en proporción ao varal, é unha cruz alta, pois semella ser da metade da súa lonxitude.

Cruz anverso, O Cristo:
Representación dun Cristo xacente, pois ten a cabeza caída. É posiblemente de todos os exemplares cos que contamos o único que a ten tan caída, representando o Cristo xa morto.
Cartela de INRI en letra gótica. Leva unha basta coroa de espiñas na cabeza. Os brazos pegados á cruz dende os cóbados, coas mans entreabridas e un cravo en cada unha.
Pano de pureza anoado á dereita. Pé dereito sobre do esquerdo e cravo que atravesa aos dous pés que están apoiados nun anaco de táboa que sobresae da cruz.


Cruz reverso, , A Virxe:
Imaxe dunha xoven Virxe, coa cabeza lixeiramente inclinada á esquerda en contraste coas mans, que en actitude orante, inclínanse cara á dereita.
Leva pano que lle cobre a testa e o hombro dereito.
Polos pregues do vestido a Virxe ten o pé esquerdo lixeiramente flexionado, sobresaíndo o xeonllo.
Os pés, que deberían ir apoiados nunha peana que sobresairía da cruz pero que se aprecia a súa rotura, semellan estar no aire da metade para adiante.
Tanto a Virxe coma o Cristo semellan boa proporción en relación ao tamaño da Cruz.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración

PATRIMONIO PONTÉS XIX

Seguimos cos cruceiros de Espiñaredo, neste caso o situado ao pé do cemiterio novo. Pertence tamén ao grupo dos completos, xa que ten todas as partes características dun cruceiro.


CRUCEIRO DE ESPIÑAREDO-CEMITERIO



Atopámonos novamente con outro cruceiro feito en pedra de serpentina ou toelo (pedra de Moeche). Cruceiro que non se atopa no seu lugar orixinal, xa que foi trasladado por mor das expropiacións de ENDESA para a mina de carbón. Estaba situado preto do cemiterio vello de Espiñaredo, ao ser trocado de lugar tamén se levou o cruceiro.


Localización:
A parroquia de Espiñaredo foi unha das moi afectadas pola mina de Endesa, o que ocasionou a perda dun lugar de convivencia, o centro da parroquia, xa que igrexa, cemiterio e outras construcións víronse obrigadas a trocar de emprazamento. Os cruceiros tamén se viron afectados. O novo e actual emprazamento deste cruceiro é na zoa do xardín exterior do novo cemiterio de Espiñaredo, na estrada que vai cara As Somozas. Coincidindo co camiño que dá acceso ao campo santo.

Plataforma:
Está formada por catro gradas cuadrangulares de granito e que difiren do resto do conxunto que está realizado en pedra de serpentina ou toelo. Cada grada está formada por varias pedras.
As catro gradas confírenlle unha elevación ao conxunto da cruz e cruceiro que fan del un exemplar alto, a pesar de que o varal ou fuste non é moi alto.

Pedestal:
Coma moitos outros nesta zoa, o pedestal comeza sendo prismático-cuadrangular e segue tronco piramidal de base cadrada con moldura en bocel completo.
É liso e leva inscrición nunha das súas caras (na cruz anverso) que nos informa do nome do matrimonio que o erixiu e que di:

SE HIZO POR LA
DEVOCION DE
MANUEL PEREZ Y
SU MUJER
AÑO DE 1803


Hai que sinalar que tanto devoción coma Pérez non levan til na inscrición. E, malia a ter máis de douscentos anos a inscrición lese bastante ben. A erosión non fixo moito dano nel co paso do tempo.
Está feito en toelo ou pedra de Moeche.

Varal:
Estamos ante un varal forte de sección octogonal e que na parte dos encaixes no pedestal e no capitel é de sección cadrada. Non é un varal moi alto polo que o cruceiro acada a súa altura grazas as gradas da plataforma.
É liso e nel non hai ningunha inscrición, nin relevo.

Capitel:
A feitura do capitel ao igual ca do pedestal e varal é moi similar a outros da zoa, é tronco piramidal invertido e de base cadrada.
Leva as volutas angulares, moi ben labradas e catro anxos alados nos laterais. As cabezas dos anxos non son moi grandes e o espazo é ocupado polas ás dos mesmos.
Vai con moldura nos extremos superior e inferior.

A Cruz:
Atopámonos cunha cruz de sección cilíndrica e nodosa, cos brazos horizontais cortados en bisel. É unha cruz de tamaño medio e non moi grosa.

A Cruz anverso,. O Cristo:
É un Cristo algo desproporcionado, cos brazos, corpo e pernas algo curtas en relación ao tamaño da cabeza. Está afastado da cruz.
Cartela rectangular vertical de INRI (ilexible). Coroa de espiñas moi pronunciadas. Cabeza erguida e ollos abertos, cunha certa inclinación da mesma cara a dereita. Leva tres cravos, dous nas mans (case pechadas) e un nos pés (pé dereito sobre do esquerdo), ditos cravos son grandes e semellan de ferro. Pano de pureza con cordón atado á dereita, chama a atención o pregue que sobresae do pano da pureza, xa que está esaxerado en demasía cara á dereita.
Ten unha rotura na cintura (posiblemente causada no traslado), asemade apréciase outra por debaixo dos pés do Cristo, esta reparada. (Volvemos a ter un exemplo máis de danos producidos polos traslados mal feitos e en mans de xente pouco experta nestes traballos).

A Cruz reverso, A Virxe:
Atopámonos cunha Virxe en actitude orante, coas mans unidas ao xeito do rezo no medio do seo.
Leva pano cubríndolle todo o corpo e a testa. Tamén están moi marcados os pregues do vestido. Remata nunha peaña circular, cun saínte vertical inferior, sobre a que se apoia o remate do vestido e non se lle aprecian os pés.
Ao igual co Cristo, está desproporcionada en relación co tamaño da súa cabeza.
Amosa rotura por debaixo do pescozo. Tamén ten unha rotura pola parte baixa da súa peaña.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración

ACTO DE DESPEDIDA DO REVERENDO D. JOSÉ VEGA PÉREZ COMA PÁRROCO DE AS PONTES

O vindeiro venres 2 de setembro terá lugar un acto de despedida do noso párroco os últimos 15 anos na Unidade Pastoral de As Pontes, D. José Vega Pérez.

O acto consistirá nunha eucaristía, de acceso libre, as 20h na Igrexa parroquial de As Pontes e a continuación compartiremos un pincho nas instalacions do Liceo, para o que é necesario anotarse por algún dos medios que aparecen no cartel.

Data tope para anotarse o 31 de agosto.

Se piden facer aportación o regalo a partir de 5€, e de 15€ si se acuden os pinchos no Liceo.

Vos esperamos.

PATRIMONIO PONTÉS XVIII

O exemplar de hoxe é rexo e forte na súa construción e, ao mesmo tempo, un fermoso cruceiro. Está algo danado, coma case todos os cruceiros que foron trasladados.
Falo do:

CRUCEIRO DE ESPIÑAREDO. IGREXA DE SANTA MARÍA:

Cruceiro rexio, groso e forte; e, ao mesmo tempo, viaxeiro pois xa foi cambiado de lugar por mor das expropiacións de ENDESA. Primitivamente estaba situado no lugar do Portoferreiro e, hoxe, ao pé da nova Igrexa de Santa María de Espiñaredo e a carón da estrada As Pontes-Ferrol. Froito destes cambios son as fendas do capitel.
É un cruceiro de granito todo el e con feitura especial comparado cos outros do concello, pois as súas formas son únicas, leva imaxes moi suxestivas e expresivas. Pola erosión tamén podemos dicir que debe ter certa antigüidade en comparación cos outros. Se cadra algo frío na parte inferior ao non levar adornos nin ter un capitel axeitado ao tamaño do varal e da cruz. A atención céntrase nas imaxes do Crucificado e a Virxe.

Neste caso o Cristo non mira cara igrexa, como sería o habitual, senón que está ollando cara a estrada. (Os traslados non son moi axeitados). Xunto co cruceiro tamén foi trasladada a espadana da igrexa.
Ao parecer, este cruceiro estaba ao pé do cemiterio e cando os traslados, este puxérono ao pé da igrexa e o que estaba preto da igrexa é o que hai agora no cemiterio. O motivo de dito troco non o coñezo.


A Plataforma:
É cuadrangular, consta de catro gradas altas, que axudan a dar máis altura ao conxunto. Coma o resto do cruceiro son de pedra de granito.

O Pedestal:
Está formado por un prisma cuadrangular liso. Non leva inscricións e sen relevos no mesmo, dándolle sensación de frialdade na parte inferior do conxunto. Del sae o varal que vai con moldura na parte cuadrangular, na inferior con chafrán e na superior con moldura.

O Varal:
É cadrado e groso, posiblemente dos varais máis grosos dos cruceiros do concello. Vai con chafrán nas arestas o que lle confire un aspecto de octogonal, mais non deixa de ser cuadrangular con chafráns. Os chafráns rematan en punta de frecha. Na parte inferior ou base do mesmo, como xa dixen leva molduras rectas.

O Capitel:
É un capitel cuadrangular con molduras cadradas inferiores e superiores e, no medio, vai con escocia.
Non é moi grande, senón máis ben pequeno. Se ollamos o ancho da sección do varal e o da cruz, diríamos que é un capitel pequeno e estreito. Case se pode confundir ou interpretar coma se fose unha continuidade do varal. O capitel vese que está roto e está atado con arames. (Volvemos ao caso dos traslados mal feitos e os danos irreparables que se ocasionan). Esta rotura apréciase mellor polo lado da cruz anverso (o do Crucificado).


A Cruz:
É unha cruz grega, sólida e maciza, de brazos curtos e lisos, de sección cadrada e non vai con chafrán e rematada en relevos de rosetas de oito pétalos nos extremos. É moi grosa, como o resto do cruceiro, e está potenzada (saínte cadrado) na súa parte inferior..
A cruz é outro dos elementos que difiren do resto dos cruceiros da zona que, normalmente, van con chafrán coma o varal. Neste caso non é así, conferíndolle solidez e forza ao cruceiro na súa parte principal e facendo xogo co inicio e final do varal que é cadrado. Tamén é único no remate de roseta de oito pétalos.
Deste tipo de cruces debe ser o único que atopamos no concello. Se cadra tamén ten que ver coa posible antigüidade do cruceiro, aínda que non dispoño de datos que avalen esta teoría miña.

Cruz anverso , O Cristo:
Na parte superior unha cartela grande e estreita de INRI, ilexible totalmente. Cabeza lixeiramente entornada á dereita e afastada da cruz. Coroa de espiñas sobre ela. Ollos pechados. Barba e pelo moi traballados.
Brazos e corpo pegado á cruz. Mans medio abertas cun cravo en cada unha. Pano de pureza tamén moi logrado e anoado á dereita. Pé dereito enriba do esquerdo, cun cravo.
En xeral é un exemplar de Crucificado moi logrado, é moi expresivo.

Cruz reverso, A Virxe:
A Virxe representada é unha imaxe da Piedade. Ten unha forma case triangular contribuíndo a darlle dita forma o manto que cubre a testa e que baixa ata os pés, asemade é unha figura que malia levar o Cristo xacente no colo, é bastante plana. A posición da mesma é frontal. Nela podemos observar como colle o corpo do seu fillo morto sobre un sudario. Térmalle da testa coa súa man dereita e, coa esquerda, cóllelle a man.
Na parte inferior da imaxe, por debaixo do sudario, vense os pregues do vestido da Virxe e, asomando, os pés dela.
A imaxe está tamén pegada á Cruz.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración