O exemplar de hoxe é rexo e forte na súa construción e, ao mesmo tempo, un fermoso cruceiro. Está algo danado, coma case todos os cruceiros que foron trasladados.
Falo do:
CRUCEIRO DE ESPIÑAREDO. IGREXA DE SANTA MARÍA:

Cruceiro rexio, groso e forte; e, ao mesmo tempo, viaxeiro pois xa foi cambiado de lugar por mor das expropiacións de ENDESA. Primitivamente estaba situado no lugar do Portoferreiro e, hoxe, ao pé da nova Igrexa de Santa María de Espiñaredo e a carón da estrada As Pontes-Ferrol. Froito destes cambios son as fendas do capitel.
É un cruceiro de granito todo el e con feitura especial comparado cos outros do concello, pois as súas formas son únicas, leva imaxes moi suxestivas e expresivas. Pola erosión tamén podemos dicir que debe ter certa antigüidade en comparación cos outros. Se cadra algo frío na parte inferior ao non levar adornos nin ter un capitel axeitado ao tamaño do varal e da cruz. A atención céntrase nas imaxes do Crucificado e a Virxe.
Neste caso o Cristo non mira cara igrexa, como sería o habitual, senón que está ollando cara a estrada. (Os traslados non son moi axeitados). Xunto co cruceiro tamén foi trasladada a espadana da igrexa.
Ao parecer, este cruceiro estaba ao pé do cemiterio e cando os traslados, este puxérono ao pé da igrexa e o que estaba preto da igrexa é o que hai agora no cemiterio. O motivo de dito troco non o coñezo.
A Plataforma:
É cuadrangular, consta de catro gradas altas, que axudan a dar máis altura ao conxunto. Coma o resto do cruceiro son de pedra de granito.
O Pedestal:
Está formado por un prisma cuadrangular liso. Non leva inscricións e sen relevos no mesmo, dándolle sensación de frialdade na parte inferior do conxunto. Del sae o varal que vai con moldura na parte cuadrangular, na inferior con chafrán e na superior con moldura.
O Varal:
É cadrado e groso, posiblemente dos varais máis grosos dos cruceiros do concello. Vai con chafrán nas arestas o que lle confire un aspecto de octogonal, mais non deixa de ser cuadrangular con chafráns. Os chafráns rematan en punta de frecha. Na parte inferior ou base do mesmo, como xa dixen leva molduras rectas.
O Capitel:
É un capitel cuadrangular con molduras cadradas inferiores e superiores e, no medio, vai con escocia.
Non é moi grande, senón máis ben pequeno. Se ollamos o ancho da sección do varal e o da cruz, diríamos que é un capitel pequeno e estreito. Case se pode confundir ou interpretar coma se fose unha continuidade do varal. O capitel vese que está roto e está atado con arames. (Volvemos ao caso dos traslados mal feitos e os danos irreparables que se ocasionan). Esta rotura apréciase mellor polo lado da cruz anverso (o do Crucificado).
A Cruz:
É unha cruz grega, sólida e maciza, de brazos curtos e lisos, de sección cadrada e non vai con chafrán e rematada en relevos de rosetas de oito pétalos nos extremos. É moi grosa, como o resto do cruceiro, e está potenzada (saínte cadrado) na súa parte inferior..
A cruz é outro dos elementos que difiren do resto dos cruceiros da zona que, normalmente, van con chafrán coma o varal. Neste caso non é así, conferíndolle solidez e forza ao cruceiro na súa parte principal e facendo xogo co inicio e final do varal que é cadrado. Tamén é único no remate de roseta de oito pétalos.
Deste tipo de cruces debe ser o único que atopamos no concello. Se cadra tamén ten que ver coa posible antigüidade do cruceiro, aínda que non dispoño de datos que avalen esta teoría miña.
Cruz anverso , O Cristo:
Na parte superior unha cartela grande e estreita de INRI, ilexible totalmente. Cabeza lixeiramente entornada á dereita e afastada da cruz. Coroa de espiñas sobre ela. Ollos pechados. Barba e pelo moi traballados.
Brazos e corpo pegado á cruz. Mans medio abertas cun cravo en cada unha. Pano de pureza tamén moi logrado e anoado á dereita. Pé dereito enriba do esquerdo, cun cravo.
En xeral é un exemplar de Crucificado moi logrado, é moi expresivo.
Cruz reverso, A Virxe:
A Virxe representada é unha imaxe da Piedade. Ten unha forma case triangular contribuíndo a darlle dita forma o manto que cubre a testa e que baixa ata os pés, asemade é unha figura que malia levar o Cristo xacente no colo, é bastante plana. A posición da mesma é frontal. Nela podemos observar como colle o corpo do seu fillo morto sobre un sudario. Térmalle da testa coa súa man dereita e, coa esquerda, cóllelle a man.
Na parte inferior da imaxe, por debaixo do sudario, vense os pregues do vestido da Virxe e, asomando, os pés dela.
A imaxe está tamén pegada á Cruz.
Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración