Seguimos cos cruceiros de Espiñaredo, neste caso o situado ao pé do cemiterio novo. Pertence tamén ao grupo dos completos, xa que ten todas as partes características dun cruceiro.
CRUCEIRO DE ESPIÑAREDO-CEMITERIO

Atopámonos novamente con outro cruceiro feito en pedra de serpentina ou toelo (pedra de Moeche). Cruceiro que non se atopa no seu lugar orixinal, xa que foi trasladado por mor das expropiacións de ENDESA para a mina de carbón. Estaba situado preto do cemiterio vello de Espiñaredo, ao ser trocado de lugar tamén se levou o cruceiro.
Localización:
A parroquia de Espiñaredo foi unha das moi afectadas pola mina de Endesa, o que ocasionou a perda dun lugar de convivencia, o centro da parroquia, xa que igrexa, cemiterio e outras construcións víronse obrigadas a trocar de emprazamento. Os cruceiros tamén se viron afectados. O novo e actual emprazamento deste cruceiro é na zoa do xardín exterior do novo cemiterio de Espiñaredo, na estrada que vai cara As Somozas. Coincidindo co camiño que dá acceso ao campo santo.
Plataforma:
Está formada por catro gradas cuadrangulares de granito e que difiren do resto do conxunto que está realizado en pedra de serpentina ou toelo. Cada grada está formada por varias pedras.
As catro gradas confírenlle unha elevación ao conxunto da cruz e cruceiro que fan del un exemplar alto, a pesar de que o varal ou fuste non é moi alto.
Pedestal:
Coma moitos outros nesta zoa, o pedestal comeza sendo prismático-cuadrangular e segue tronco piramidal de base cadrada con moldura en bocel completo.
É liso e leva inscrición nunha das súas caras (na cruz anverso) que nos informa do nome do matrimonio que o erixiu e que di:
SE HIZO POR LA
DEVOCION DE
MANUEL PEREZ Y
SU MUJER
AÑO DE 1803
Hai que sinalar que tanto devoción coma Pérez non levan til na inscrición. E, malia a ter máis de douscentos anos a inscrición lese bastante ben. A erosión non fixo moito dano nel co paso do tempo.
Está feito en toelo ou pedra de Moeche.
Varal:
Estamos ante un varal forte de sección octogonal e que na parte dos encaixes no pedestal e no capitel é de sección cadrada. Non é un varal moi alto polo que o cruceiro acada a súa altura grazas as gradas da plataforma.
É liso e nel non hai ningunha inscrición, nin relevo.
Capitel:
A feitura do capitel ao igual ca do pedestal e varal é moi similar a outros da zoa, é tronco piramidal invertido e de base cadrada.
Leva as volutas angulares, moi ben labradas e catro anxos alados nos laterais. As cabezas dos anxos non son moi grandes e o espazo é ocupado polas ás dos mesmos.
Vai con moldura nos extremos superior e inferior.
A Cruz:
Atopámonos cunha cruz de sección cilíndrica e nodosa, cos brazos horizontais cortados en bisel. É unha cruz de tamaño medio e non moi grosa.
A Cruz anverso,. O Cristo:
É un Cristo algo desproporcionado, cos brazos, corpo e pernas algo curtas en relación ao tamaño da cabeza. Está afastado da cruz.
Cartela rectangular vertical de INRI (ilexible). Coroa de espiñas moi pronunciadas. Cabeza erguida e ollos abertos, cunha certa inclinación da mesma cara a dereita. Leva tres cravos, dous nas mans (case pechadas) e un nos pés (pé dereito sobre do esquerdo), ditos cravos son grandes e semellan de ferro. Pano de pureza con cordón atado á dereita, chama a atención o pregue que sobresae do pano da pureza, xa que está esaxerado en demasía cara á dereita.
Ten unha rotura na cintura (posiblemente causada no traslado), asemade apréciase outra por debaixo dos pés do Cristo, esta reparada. (Volvemos a ter un exemplo máis de danos producidos polos traslados mal feitos e en mans de xente pouco experta nestes traballos).
A Cruz reverso, A Virxe:
Atopámonos cunha Virxe en actitude orante, coas mans unidas ao xeito do rezo no medio do seo.
Leva pano cubríndolle todo o corpo e a testa. Tamén están moi marcados os pregues do vestido. Remata nunha peaña circular, cun saínte vertical inferior, sobre a que se apoia o remate do vestido e non se lle aprecian os pés.
Ao igual co Cristo, está desproporcionada en relación co tamaño da súa cabeza.
Amosa rotura por debaixo do pescozo. Tamén ten unha rotura pola parte baixa da súa peaña.
Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración