Archivo por meses: septiembre 2022

PATRIMONIO PONTÉS XXV

Seguindo na parroquia do Aparral, imos ver outro exemplar de cruceiro incompleto, neste casa, incompletísimo, pois é un aproveitamento doutro cruceiro anterior ao que se lle colocou unha cruz nova enriba. (Na VII CITA COA HISTORIA)

CRUCEIRO DO APARRAL-ENTRADA DA PISTA DA IGREXA



Exemplar de cruceiro incompleto que é un apaño doutro existente anteriormente, pois decátase un axiña ao velo. Podemos dicir que se aproveitaron a última grada, o pedestal e parte do varal. O resto é todo posterior.
Como é un arranxo do que quedou doutro, pois é un cruceiro pequeno, pero que dá idea de que o orixinal debera ser un fermoso, rexio e alto exemplar, pois o pedestal e un anaco de varal que se salvaron así o confirman. Mágoa, unha vez máis, da perda doutro exemplar. Aínda que hai que dicir que algo logrou recompoñerse, na vida hai que ser positivos. Polo menos o que quedou non se rexeitou nin se perdeu.

Localización:
Xusto na entrada da desviación que leva a Igrexa, na pista do Aparral, atopamos este cruceiro na marxe dereita, concretamente no alto do valado.


Grada ou Plataforma:
Conserva só unha grada, a máis pequena e situada debaixo do pedestal. Esta, á súa vez, vai apoiada nunha base de cemento para erguer o cruceiro e darlle asento, pois está situado no valado de terra dunha finca.

Pedestal:
O pedestal comeza sendo un prisma cuadrangular para pasar a formar un tronco piramidal cuadrangular e logo achafranado (coido que é o cemento para asentar o varal).
Liso e sen inscrición aparente, nin relevos, aínda que está moi cuberto polos mofos.

Varal:
O varal é un anaco dun fuste dun cruceiro anterior, con símbolos da Paixón, nel aínda son visibles a espada, o martelo e a escada. O curioso é que como foi un arranxo fixérono mal e o puxeron ao revés, e dicir, coa parte derriba cara abaixo; nel aparecen a escada, o martelo e o puñal (estes dous son os que dan a pista de que foi colocado ao revés, pois están invertidos).
É un varal groso e octogonal que apoia no pedestal coa mesma sección octogonal.

Cruz:
É unha cruz latina, pequena e feita de cemento. É lisa e vai cimentada enriba do anaco do varal directamente, non existindo capitel.
É de sección rectangular.
Carece de imaxes.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración

PATRIMONIO PONTÉS XXIV

Comezamos hoxe coa outra clase de cruceiros, os incompletos. Que clasifico así por faltarlle ou carecer algunha parte das xerais de todo cruceiro, isto é, gradas, pedestal, varal, capitel, cruz, cruz anverso O Cristo e cruz reverso A Virxe. Polo xeral, as partes que faltan son: ou ben as gradas, ou o capitel, ou as imaxes da cruz. Varal e cruz non faltan neles, mais, ás veces, cruz e varal é todo un, sendo o brazo inferior dela o que fai tamén de varal; nestes casos, polo concello dáselles o nome de Cristo de…, coma no caso do Cristo de Prada que xa foi tratado no segundo artigo desta serie de Patrimonio Pontés.

O primeiro exemplar de cruceiro incompleto que imos ver é:


CRUCEIRO DA COVA-APARRAL

Este é un exemplo máis dun cruceiro que sufriu deterioro e que foi relativamente restaurado, pois a cruz perdeuse o hoxe ten unha nova. E do tipo dos incompletos, pois carece do Cristo e da Virxe. Cando tiña a outra cruz tiña Cristo, o que non sei é se tiña tamén a Virxe.

Localización:
No lugar da Cova-Aparral, concretamente na desviación que hai na estrada As Pontes-Vilalba cara o Aparral. Xusto na curva do lugar da Cova, aí está este cruceiro. Segundo se entra na pista, á man esquerda.

Plataforma:
A plataforma é rectangular e está formada por tres gradas que tampouco son orixinais, senón que foron postas novas cando o restauraron despois de ser derrubado pola saída dun vehículo na curva.

Pedestal:
É un pedestal de tipo prismático rectangular e vai achafranado na súa parte superior. Non é moi grande, nin alto.
O material é pedra de granito.
É liso, sen inscricións nin relevos.
Está algo deteriorado na parte baixa e atópase reparado con cemento na zoa onde se une á plataforma.

Varal:
Este varal é un exemplo de varal ou fuste alto.
A sección do mesmo é cuadrangular achafranado ou octogonal irregular, na parte inferior e superior é de sección cadrada.
É un varal liso sen inscricións nin relevo.

Capitel:
É este un capitel de sección cadrada, moldurado inferiormente a xeito de bocel. E moldurado superiormente con molduras máis grandes e máis saíntes cas inferiores.
Non leva adornos, é liso. E é de pequeno tamaño.
O material tamén é o granito.

A Cruz:
Esta Cruz é nova, colocada na reparación do cruceiro. É unha Cruz de granito, alta e fina; de forma latina e cos brazos frorenzados con botón central. De sección cuadrangular achafranada (octogonal irregular) e cadrada no encaixe no capitel.
É lisa, sen relevos e ben feita. Nela non hai imaxes.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración

PATRIMONIO PONTÉS XXIII

Co artigo de hoxe rematamos a nosa viaxe polos cruceiros completos (uns 20) do noso concello, aínda nos quedan os incompletos; o que quere dicir que temos unha boa concentración de cruceiros espallados polo noso territorio pontés. Uns máis coñecidos ca outros, mais todos cunhas características propias que os fan especiais.

O exemplar de hoxe non é orixinario do lugar onde está, noutro tempo estivo situado no lugar do Meidelo, hoxe desaparecido, primeiro pola mina e, posteriormente polo lago.


É un exemplar feito en pedra de serpentina ou toelo todo e e ten partes engadidas que, orixinariamente, non tiña. Tamén dicir que neste último lugar de localización, nunha festa da Fraga, foi salvaxemente atacado producíndolle varias roturas na parte da cruz, chegando a romperlle os pés ao Crucificado e algunha que outra rotura na imaxe da Virxe que, posteriormente, se repararon. E falo do:

CRUCEIRO DA FRAGA (NOUTRORA DO MEIDELO)

Localización:
A trinta metros da entrada da Fraga de Dona Rita, na marxe dereita do camiño, atopamos este cruceiro.. E máis abaixo unha fonte cunha imaxe, cedida polo concello de Ferrol a As Pontes de Gª Rguez.

Plataforma:
Plataforma engadida e falso pedestal engadido. Está composta de dúas gradas simuladas, pois como xa dixen este cruceiro foi trasladado de sitio. É de supoñer que no lugar orixinal tería como mínimo, tres gradas, xa que é o habitual e, posiblemente, máis grandes. Agora, ademais das gradas simuladas engadíuselle un falso pedestal onde se recolle a doazón do cruceiro á Fraga, feita polos herdeiros de Dona Serafina Bello Casas.

Pedestal:
O pedestal ten unha base cadrada duns 10 cm aproximadamente e o resto e do tipo tronco piramidal de base cadrada e rematado en bocel. Está feito en pedra serpentina, ou toelo (pedra de Moeche).


Das catro caras, dúas levan inscrición bastante lexible para un cruceiro de máis de cen anos. Comeza na cara anverso, a do Cristo e continua pola parte dereita do mesmo. A única parte que non está moi lexible é a das letras (dúas) que hai denantes da palabra OBISPO, poida que sexa SR(SEÑOR) ou outra abreviatura relativa a dignidade do bispo, se son outras letras.

A inscrición reza deste xeito:

EL SR? OBISPO DE
MONDOÑEDO
JUAN SOLIS CONCE
DE POR CADA SALVE Y
PADRENUESTRO QUE
SE RECE DELANTE DE
ESTE CRUCIFIJO 50 DÍAS
DE
INDULGENCIAS


SE HIZO A LA
DEVOCIÓN DE
FRANCISCO VELLO
AÑO DE 1908

Varal:
É un varal excepcional, xa que a metade inferior é de sección octogonal, con inicio de sección cadrada; a outra metade superior é de sección cilíndrica con remate cadrado para encaixar no capitel. Leva os símbolos da Paixón, de abaixo a arriba: escada (na sección octogonal), martelo e tenaces (na sección cilíndrica). Como dixen é un caso único no concello pola forma da sección, tamén por que só leva tres símbolos da Paixón (outros levan tamén os cravos e o flaxelo).

Capitel:
O capitel é do tipo abondoso na zoa, tronco piramidal invertido. Con volutas angulares e cabezas de anxos con ás nas catro caras.
É un capitel con molduras inferiores e superiores. As inferiores son cuadrangulares e as superiores en xeito de media lúa e con corte recto nos vértices.

Cruz:
É unha cruz alta, delgada e de sección cilíndrica que levaba os brazos cortados en bisel paralelo. É unha cruz nodosa, aínda que dos nos só ten uns pequenos saíntes.

Cruz anverso, O Cristo:
Leva cartela rectangular vertical coa inscrición JNRJ. Leva cora de espiñas, cabeza inclinada cara á dereita, ollos pechados, barba (as faccións da cara están ben logradas e traballadas). Brazos curtos en proporción ao tamaño da cabeza, mans pechadas cun cravo en cada unha. Pano de pureza con cordón atada á dereita. E a perna dereita enriba da esquerda e cun cravo nos pés.

Na inscrición da cartela:

J N
R J

Chama á atención a letra I representada por un J.

Cruz reverso, A Virxe:
A Virxe é unha imaxe dunha Soidade que vai apoiada nunha peaña semiesférica. Leva un pano que lle cubre a testa e todo o corpo. Vestido con pregues e brazos cruzados coas mans termando do pano, e non en posición de rezo como é habitual. O vestido chega ata á peaña en non se lle ven os pés.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración

PATRIMONIO PONTÉS XXII

Quixera agradecer a D. José Vega Pérez, o noso párroco, a oportunidade que me brindou no seu día de escribir nesta páxina, primeiro sobre D. Ernique Rivera Rouco e, logo, sobre o noso patrimonio pontés. Tamén darlle as grazas pola súa amizade, case dende a súa chegada ao noso pobo e, tamén, pola súa excelente labor parroquial. Aproveitar tamén para desexarlle o mellor na súa nova andaina por terras mindonienses e dicirlle que nas Pontes de Gª Rguez., ten as portas abertas sempre. Moitas grazas Pepe!

E case rematando cos cruceiros completos, imos ver outro exemplar, recente no tempo con respecto ao maioría dos existentes no noso concello. Neste caso falo do:

CRUCEIRO DO CEMITERIO DOS ALIMPADOIROS:

Exemplar de cruceiro viaxeiro, pois antes de ter esta situación estivo na entrada de acceso á empresa ENDESA na Vilabella

Localización:
Foi cedido pola citada empresa e trasladado á situación actual, no acceso á estrada que sube cara o cemiterio dos Alimpadoiros, para encher o baleiro que quedou despois de trasladar a alegoría á morte, existente en dito lugar, ao interior do cemiterio, por mor da polémica creada de si era unha imaxe apropiada ou non para este punto, xusto no acceso ao cemiterio.

É un cruceiro de factura recente, pois a data do mesmo é do ano 1982, ano no que ENDESA o situou na entrada do seu acceso e onde estivo varios anos, antes de cedelo ao Concello.

A Plataforma:
A grada ou plataforma está formada por tres elementos ou chanzos, máis ben baixos, non de moita altura. De corte fino e moderno, é dicir, posiblemente labrados con máquina; pois o conxunto é moderno relativamente (e na feitura dos cruceiros actuais emprégase a maquinaria para certas partes).
A grada é de xeito rectangular. Componse cada chanzo por un conxunto de varias pedras.

O Pedestal:
Este é un pedestal sinxelo e pequeno, cúbico e cunha pequena escocia na parte superior do mesmo. En cada cara vai rebaixado e labrado de xeito basto para contrastar coas partes exteriores que levan un labrado fino.

O Varal:
É un varal de sección cadrada con chafrán e cos extremos de encaixe de sección cadrada. Non é moi alto e leva unha talla na parte frontal.

Dita talla corresponde a unha representación da alegoría do pecado orixinal, vense: Adán, Eva, a mazá, a árbore e a serpe. Dita representación está apoiada nunha pequena peaña que sobresae do varal. Por non poder saírse da dimensión do ancho da sección do varal o artífice ou canteiro, veuse obrigado a facer unha talla apertada, as imaxes de Eva, Adán e a árbore coa serpe e a mazá están unidas, non habendo separación entre elas, a xeito de medo relevo.

O Capitel:
É un capitel moderno, sen volutas ao contrario da maioría dos existentes no concello, mais xa dixemos que é un cruceiro de feitura recente, polo tanto non se axusta aos modelos dos outros.
É escociado, máis saínte na parte superior ca na inferior. Leva moldura na parte inferior, bastante saínte. Desta saen follas nas catro caras do capitel. Na parte superior leva un bocel composto por unha especie de final de cilindros onde saen, de cada un deles, unha semiesfera e que van formando o bocel superior. As bocas cilíndricas e as esferas van gravadas nas catro caras do varal. As que forman as esquinas do varal dan para dúas caras do mesmo.

A Cruz:
É unha cruz alta con relación ao resto do cruceiro. De sección cadrada, sen chafráns, o que a diferencia do varal que é con chafrán, saíndose tamén do normal nos cruceiros que, polo xeral, levan a mesma sección no varal e na cruz.
É unha cruz latina, cos brazos rematados en forma frorenzada e con botón central.
Tamén, e a diferencia doutros cruceiros da zoa, leva dúas tallas laterais a máis das do Cristo e a Virxe.
Estas tallas representan dúas imaxes orantes, teñen as mans en actitude de rezo, son practicamente iguais e semellan ser de muller. Vai unha a cada lateral da cruz, apoiadas nunha pequena peaña cada unha, formadas polo que podería ser cara do demo, aínda que non se aprecian ben.

A Cruz anverso, O Cristo:
É unha imaxe do Cristo moi grande en relación ao tamaño da cruz, que tamén é grande. Os brazos rematan xusto onde rematan os brazos da cruz, algo non moi normal nos outros cruceiros.
Con cartela rectangular horizontal de INRI. Ten a coroa e o pelo pouco traballados, de feito, parecen cordóns. A barba é longa e pegada ao peito. Os ollos tenos pechados, ao igual que as mans que están pechadas e só permiten ver a cabeza do cravo en cada unha. Leva os brazos pegados aos brazos da cruz, xa que toda a imaxe, agás a cabeza que está inclinada á dereita e os xeonllos, está pegada á cruz. A imaxe leva pano de pureza atado á dereita, o pé dereito sobre do esquerdo e suxeitos cun cravo. Costelas moi marcadas ao igual ca musculatura dos brazos e das pernas. A barba algo longa de máis.

A Cruz reverso, A Virxe:
É unha imaxe pequena de Virxe en relación á cruz e ao Cristo, moi similar as imaxes orantes laterais na factura, pois no corpo son moi similares, o que é a roupa e o cordón da cintura, son practicamente iguais; o único que as diferencia son os pés saíndo por baixo da roupa e que van apoiados nunha peaña pequena. Esta peaña, aínda que labrada bastamente como a cara das imaxes, semella unha cabeza de demo máis grande que as das imaxes laterais.
A imaxe leva coroa, bastante grande en relación coa testa. A actitude é orante, coas mans en xeito de rezo. É unha imaxe da Soidade.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración