Seguindo en Goente, imos ver outro exemplar de cruceiro incompleto, se cadra, dos máis vellos dentro deles, pois ten unhas características moi especias que así o parecen confirmar. Falamos do:
CRUCEIRO GOENTE-FINCA PARTICULAR

Este cruceiro pódese clasificar dentro dos incompletos, pois carece de imaxe da Virxe, as outras partes tenas todas. É un exemplar de cruceiro que, posiblemente sexa bastante antigo pola posición do Cristo, xa que está pegado á Cruz, feito que ocorre nos exemplares máis vellos. O material do que está feito é granito.
Por outra banda, pódese dicir que é un cruceiro bastamente labrado o que tamén pode ser outro argumento que avale a súa antigüidade. Mais, aparentemente, non hai elementos (inscricións) que indiquen o ano da súa feitura nin outros datos.
O feito de que a cabeza do Crucificado, ombreiros e corpo, brazos e pernas estean pegados á cruz o identifica cos cruceiros con máis anos.
Sería interesante dispoñer de máis datos sobre el.
Localización:
Está situado nunha finca particular, case enfronte da praza da Igrexa de Goente, na outra banda da estrada que vai a Pontedeume (banda dereita segundo se vai dende As Pontes).
Coma en moitos outros casos, aquí non se respectou o Patrimonio por parte das eléctricas, pois como non lle chegaba o poste de luz e teléfono de madeira, puxéronlle un de formigón ao pé.
Ao estar nunha propiedade privada as fotos foron feitas dende a estrada e se cadra non se aprecian moi ben as partes.
A Plataforma:
Está formada por dúas gradas, grosas. Ou case, tres; pois o pedestal semella ser unha terceira grada. Outra característica dos vellos cruceiros é que o pedestal non se diferencia moito das gradas. Neste caso, practicamente é igual no grosor que as outras dúas gradas
O Pedestal:
É un prisma de base cadrada, semella ser unha grada máis. Nel vai encaixado o varal. A simple vista non se aprecia inscricións nin relevos. É dicir, é simple e liso.
O Varal:
É un varal curto, de sección cadrada e groso. Dá a impresión dunha labra basta, coma todo o cruceiro.
Non se aprecian nel inscricións nin imaxes.
Vai encaixado no pedestal prismático. Semella ser un pouco máis ancho na parte inferior ca na superior, é dicir, que vai estreitando cara arriba.
Capitel:
O capitel é de xeito tronco piramidal cuadrangular invertido, con remate na parte superior. Sen adornos, é dicir, liso.
É un capitel basto, pouco traballado. Tamén pódese dicir, que ao igual co resto do cruceiro, esta peculiaridade confírelle a antigüidade que en todo el se pode apreciar.
A Cruz:
É un exemplar de cruz grosa e de brazos curtos, case que iguais. A sección da mesma é cadrada. Coma o resto do cruceiro está pouco traballada. O seu grosor da cruz é igual ao do remate do varal na parte inferior do capitel, é como se fose unha continuidade do varal na parte superior do capitel.
Os remates dos brazos horizontais son con botón central en forma de cruz ou aspa, que é algo novo nas cruces da zoa atopadas ata o de agora. É o que se chama remate en “punta de diamante”. Mais o curioso é que os remates deste tipo as arestas que forman a punta de diamante veñen dende os vértices da cara do brazo, e neste caso non é así. Sobresaen no centro da cara. Outra peculiaridade máis deste exemplar.
A Cruz Anverso, O Cristo:
É unha representación moi esquemática do Cristo. Este vai pegado ou unido á cruz na súa totalidade. (Aínda que na testa semella unha pequena separación na parte superior).
Cabeza ladeada á dereita. Sen cartela de INRI.
Leva os brazos pegados á cruz, coas mans abertas e suxeitas por un cravo cada unha. Pano de pureza sen cordón visible e sen nó, aínda que semella anoado á dereita (posiblemente a erosión co paso do tempo fixo desaparecer o nó).
As pernas lixeiramente separadas e pegadas á cruz, o pé dereito moi ladeado para montar sobre o esquerdo e atravesados, ámbolos dous, por un cravo.
En definitiva, unha representación antiga do Crucificado.
Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.