E imos hoxe co penúltimo dos cruceiros incompletos.
As veces, aparece patrimonio oculto do que non se tiñan noticias, oculto pola cal ou cemento, oculto pola vexetación… Neste caso atopábase oculto pola vexetación ata que os traballos de limpeza da zona a carón da Escola de Aprendices da vella Calvo Sotelo fixo que saíra á luz de novo. Este exemplar de cruceiro é o coñecido como:
CRUCEIRO DA ESCOLA DE APRENDICES DE E.N.C.A.S.O.

Estaba esquecido no medio dos toxos e xestas e con ocasión de facer a senda ou paseo e limpar a zona reapareceu. Non está recollido en ningún traballo sobre os cruceiros ponteses e, aínda que máis cun cruceiro semella unha cruz alta ou Cristo, ímolo clasificar tamén nos cruceiros incompletos. Algún alumno desta Escola de Aprendices aínda lembra este cruceiro entre os anos 50 e 60. Ao pecharse a Empresa, a vexetación foino cubrindo e quedou esquecido.
Está elaborado en pedra de granito e polo que se pode apreciar, pois habería que limpar máis a zona, consta de dous elementos: a base e a cruz.
A base ou pedestal:
É un prisma cuadrangular de granito e cuberto de musgo e vexetais, pouco se pode apreciar a non ser a figura prismática. Está feito de granito. Non se aprecian gradas, aínda que podería ter unha base máis grande e o que se pode ver sexa o pedestal.
A Cruz:
Os brazos horizontais e o vertical superior son practicamente iguais en lonxitude e tamaño. O inferior fai as veces de varal ou fuste e vai encaixado no pedestal ou base. Son de sección cadrada, aínda que con bisel nas aristas e o remate dos brazos dá a sensación de potenzados por mor do bisel.
A altura de todo o conxunto está moi próxima aos dous metros. E non se observa inscrición nel, aínda que por mor do musgo que ten podería ter algunha e non verse. Tampouco leva imaxes do Crucificado e da Virxe e carece de capitel.
Tratei de buscar información con referencia a este cruceiro, mais non atopei case nada, agás que entre os anos 50 e 60 a xente que estudaba na escola de aprendices da Calvo Sotelo si o lembra neste lugar. Os terreos onde estaba a antiga Calvo Sotelo foron expropiados no seu día para facer a empresa, é moi probable que xa estivera alí anteriormente.
Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.