Se mo permitides quixera aproveitar, antes do artigo, para desexar un feliz ano 2023, desexar que sexa un ano para recuperar a paz nos países en conflito, desexar que remate calquera tipo de violencia, desexar cordura aos que nos gobernan, desexar que algo que é básico e elemental en toda sociedade impere para sempre, pois con el solucionaríanse a maioría dos problemas e estou a falar do “respecto”, algo que os nosos maiores trataron de inculcarnos dende que éramos nenos e algo do que adoece a nosa sociedade. Feliz Ano 2023!
E rematamos hoxe co apartado dos cruceiros incompletos e ímonos trasladar ao lugar do Caneiro, onde ao pé da súa Igrexa atopámonos con este curioso exemplar.
CRUCEIRO DO CANEIRO-IGREXA

Localización:
No fronte da Igrexa do Caneiro e preto da pista atópase este exemplar de cruceiro, concretamente no campeiro que conforma o adro da Igrexa.
Plataforma:
A plataforma está composta de dúas gradas visibles, aínda que unha terceira e que faría de soleira podería atoparse debaixo da herba que hai no lugar, pois pola cara que dá a Igrexa pódese observar algún resto de pedra.
As gradas son de cachotería de ollo de sapo e obsérvase deterioro nelas. Na superior e baixo o pedestal unha soa pedra de base cadrada na que encaixa o pedestal.
Pedestal:
Tanto o pedestal coma varal, capitel e cruz son de granito. É de base cadrada e prismática, con escocia moi pronunciada nas súas catro caras e logo outra vez prismática cadrada con chafrán.
Varal:
De sección cadrada con con chafrán nas arestas. É un varal alto e groso, máis ancho na base e estreita á medida que ascende.
Tanto no pedestal coma no varal non se observa inscrición ningunha a simple vista, aínda que está cuberto polo mofo, máis no fronte que dá á pista e que sería a cara onde podería levalas.
Capitel:
O capitel é tronco-piramidal cadrado, invertido e “escalonado”. Raro exemplar no noso Concello é, á vez, fermoso no seu conxunto, aínda que sobrio. Enriba do varal, no encaixe de ambos, sobresae unha moldura tamén cadrada e ancha.
Cruz:
É de sección cadrada tamén, alta e rexia. Tanto no anverso coma no reverso leva círculos en relevo e que van diminuíndo en tamaño cara o centro da mesma, onde hai un círculo un pouco máis grande. O brazo vertical leva seis círculos sen contar o central, e van de abaixo a arriba, de menor a maior tamaño e logo de maior a menor na parte inferior.
É un cruceiro sen inscricións, coma xa comentei, e sen imaxes; mais non deixa de ser un fermoso exemplar rexio e forte, agás na súa base, as gradas. Non estaría demais anotalo dentro daqueles que precisan restauración para que non acabe caendo e rompendo.
Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.