PATRIMONIO PONTÉS XL

Rematamos o ano vello cos cruceiros incompletos e imos comezar o ano novo rematando cos cruceiros completos, pois quedárame un sen relacionar xa que é de recente colocación nunha finca particular, na parroquia de Ribadeume. E quédannos os cruceiros de fibra-cemento, dos que tamén temos algún exemplar no concello e con eles remataremos estes artigos relativos aos nosos cruceiros ponteses.

CRUCEIRO DE RIBADEUME-CASA DE D. OLEGARIO CORRAL PICO

Atopámonos cun cruceiro de recente construción (as fotos son de setembro de 2021) e erixido nunha finca particular, na casa de D. Olegario Corral Pico, en Ribadeume, na marxe dereita segundo se vai de As Pontes e moi próximo ao Cruceiro de Ribadeume.

As Gradas:
Leva unha soleira de pedra, semi-soterrada, e que fai o efecto dunha grada inicial.
Ten dúas gradas de pedra moi ben definidas e apoiadas na soleira anterior.

O Pedestal:
É un prisma cuadrangular, moi escociado na parte superior. Nas catro caras laterais levan coma un marco en cor máis escura e no centro gravadas catro cruces patadas de cor máis escura coma o marco.

O Varal ou Fuste:
É un varal cuadrangular con chafrán o que lle dá aspecto de octogonal, sen selo. Leva coma unha faixa ou marco todo arredor e de abaixo a arriba.

O Capitel:
Con catro anxos alados en canda súa esquina e ben traballados. Na parte inferior unha moldura curva e na superior unha recta. Está ben proporcionado en relación ao resto do cruceiro.

A Cruz:
Ao igual co varal é unha cruz de sección cadrangular, con chafrán e marco ao longo dos brazos, similar ao varal. Os remates dos brazos superiores rematados a xeito de roseta, mais moi recta.

O Cristo:
De pequeno tamaño, aínda que proporcionado ao cruceiro. Cartela de INRI, grande na parte superior da cruz. Coroa de espiñas, pano de pureza anoado á esquerda. Mans abertas con un cravo en cada unha. Pé dereito sobre o esquerdo e un cravo atravesando aos dous. Faccións e corpo moi traballado.

A Virxe:
Non puiden fotografar esta parte, mais semella unha imaxe, apoiada nunha peaña, con manto ata os pés.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

Deja una respuesta

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Salir /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Salir /  Cambiar )

Conectando a %s