Hoxe, unha vez rematado o tema dos cruceiros, imos ver outro tipo de cruces, as riscadas ou gravadas na pedra por extracción da mesma no lugar que ocupa a cruz.
Posiblemente sexan as máis abondosas e as que máis se perderon, pois cando caen as casas ou se tiran, como pasan desapercibidas, pérdense.
A xente riscaba cruces nas portas e ventás como sinal de protección, para que non entrara o mal na casa, nas cortes das vacas, nos cortellos dos outros animais… A cruz como símbolo de protección contra as enfermidades e a morte, contra os reveses de fortuna, contra o meigallo…
Pola nosa Vila ou casco vello, podémonos atopar cunha morea de cruces riscadas, algunhas moi simples outras máis traballadas. Imos comezar coa:
CRUZ DA CASA Nº 31 DA RÚA REAL

No número 31 da Rúa Real (na primeira fiestra da última casa á esquerda segundo imos cara a ponte de D. García Rodríguez de Valcarce ou “ponte dos ferros”) atopamos unha cruz nun círculo, riscada na pedra superior da fiestra.
Dita cruz non está soa, senón que contén primeiramente unha data, 1552 (á esquerda según se mira). No centro o círculo ca cruz no seu interior (lembra a roda crucífera). A cruz é de tipo potenzada (non se aprecia ben), moi esquematizada. Na dereita, un trigrama de carácter religioso, IHS, cunha cruz enriba.
O trigrama IHS é un trigrama cristiano. É a abreviatura de Iesus Hominum Salvator, é dicir, Jesús Salvador de los Hombres.
A cruz é do tipo “grega”, é dicir, de brazos iguais, e “potenzada”, ou sexa, rematando os seus brazos en xeito de T.
Esta mesma representación do circo coa cruz inscrita, empregouse tamén na Idade Media no reverso dalgunhas moedas.
O noso cronista oficial D. Enrique Rivera Rouco fai referencia a esta cruz riscada no seu libro “Historia de As Pontes de García Rodríguez”, ano 1976, no capítulo referente ao TEMPLO PARROQUIAL DE AS PONTES, e no apartado ao século XVI dí:
“Ao casarse Teresa de Andrade con Fernando de Castro na primeira metade deste século, a Casa de Andrade pasou á de Lemos co que As Pontes pasou a ser posesión de Lemos.
Neste século foi construído o retablo maior da Igrexa, de arte Barroco. No sector vello da Vila consérvase algunhas casas deste século e dos seguintes; por exempro a casa número 31 da Rúa Real, que amosa o ano 1.552 e un monograma de carácter religioso (cicais fora a vivenda dalgún Crego)…”
A casa foi reformada na súa planta superior maiormente. A fiestra ou ventá onde está a inscrición foi conservada e respectada no seu lugar de orixe e aínda hoxe pode ser ollada.
Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.