Archivo de la categoría: enrique rivera

PATRIMONIO PONTÉS X

Temos outro exemplar de cruceiro similar ao de Somede, que é o de San Xoán do Seixo, en Espiñaredo. Feito tamén en toelo ou pedra serpentina.

CRUCEIRO DE SAN XOÁN DO SEIXO – ESPIÑAREDO

Localización:
Atópase a carón da pista, enfronte da Igrexa de San Xoán do Seixo. Esta non é a súa situación orixinal, xa que foi trasladado por mor das expropiacións de ENDESA, antes atopábase no lugar de A Braña.

Plataforma:
Con dúas gradas visibles, aínda que o máis probable é que orixinariamente contara con algunha máis. Son do tipo cuadrangular e de pedra de gra ao igual co pedestal. A inferior semella de menor altura ca superior.

Pedestal:
É de tipo de prisma cuadrangular, con chafrán na parte superior. Feito, coma as gradas, en pedra de gra.

Varal ou fuste:
É un varal alto e de sección octogonal, feito en pedra de toelo ou de serpentina (pedra de Moeche). O inicio e o remate, coma na maioría, de xeito cuadrangular.
Leva unha inscrición nel, ocupando tres caras do octógono, e que di:

JACINTO
ROMERO
1908

Polo que entendo que foi mandado erixir por D. Jacinto Romero no ano 1908, aínda que descoñezo as intencións.

Capitel:
Capitel algo máis grande do normal. De xeito tronco-piramidal-cuadrangular invertido e con algo de escocia. Con volutas nas esquinas e anxos alados no centro. As caras dos mesmos son pequenas e moi definidas, algo que permite a pedra de toelo, material do que está feito este capitel.

Cruz:

É unha cruz alta, ben definida. Ten o seu inicio cadrado, no entronque co capitel, logo toda ela é redonda ou de sección circular.
De tamaño grande e estreita. Os brazos horizontais rematados en corte en bisel.

Cruz anverso, o Cristo:
A imaxe do Cristo é pequena en relación co tamaño da cruz. Enriba cartela ou letreiro de JNRJ, mais esta peculiaridade de facer o I coma un J non é a única, o letreiro é vertical e as sílabas están separadas, arriba JN e, abaixo, RJ. A cartela é vertical.


O Cristo ten a testa con inclinación cara adiante e á dereita, leva coroa de espiñas, ollos pechados, as mans medio pechadas e un cravo en cada unha, pano de pureza atado á dereita, o cordón de pureza só é visible no nó. Pé dereito sobre do esquerdo e cravados cun só cravo. Dedas dos pés moi marcadas.

Cruz reverso, a Virxe:
É unha imaxe da Dolorosa, vai apoiada sobre dunha peaña semiesférica con botón central inferior. Leva sobre a testa e cubríndolle todo o corpo un manto. Os brazos cruzados sobre do peito e as mans coma termando do manto.
As faccións da cara ben traballadas coma tamén os pregues ou dobreces de manto.

Texto e fotografía aportados por D. Xose María López Ferro, director do Museo Etnográfico Monte Caxado de As Pontes, a quen agradecemos o seu traballo e colaboración.

SEMBLANZA DE D. ENRIQUE RIVERA ROUCO

Dende o Equipo Parroquial, pídeseme que faga unha semblanza de D. Enrique Rivera Rouco, o noso querido D. Enrique, Cura dos Chaos.

Para min non é doado facer a semblanza dunha persoa, pois penso que é complicado e difícil, habería que estar dentro desa persoa para saber como era en realidade. Mais nesta ocasión penso que non o vai ser, pois toda a xente que coñeceu a D. Enrique, coincide no pensar: era un bo crego, un bo home e un bo veciño.

Primeiramente unhas pinceladas biográficas para tratar de entender mellor a persoa.

Nace D. Enrique un 27 de xaneiro do ano 1938, no lugar dos Chaos, no seo dunha familia labrega e en plena guerra civil. Son momentos difíciles para vivir e para sacar adiante unha familia, xa que non hai traballo e a única solución é o froito escaso que se lle pode arrincar á terra, e iso se non viñan os da requisa.

O seu pai era D. Jesús Rivera Cal e a súa nai, Dona Cándida Rouco Corral. Foi o segundo de catro irmáns: Antonio, Enrique, Xesús e María do Carme.

Na súa casa o ambiente era relixioso, pois xa houbera un crego na familia e o apelido Rouco de súa nai, que ademais era vilalbesa, xa nos mostra tamén que viña deste ambiente relixioso e cristián. É de supoñer que este ambiente influíu para que un dos fillos, neste caso D. Enrique, fose estudar ao Seminario.

Unha vez tomada esta decisión, pasa un período formativo co mestre D. Manuel Herba, para prepararse debidamente antes de partir cara o seminario.

A idade de catorce anos (1952), ingresa no Seminario de Vilanova de Lourenzá e, ao cabo dun ano, trasládase ao de Mondoñedo onde estará ata a súa ordenación no ano 1963 (case 11 anos). Durante o período de estudos viña á casa nos veráns e no Nadal.

Como digo, no ano 1963 é ordenado sacerdote en Ferrol, o día 7 de xaneiro.

O día 13 de xaneiro, celebra a súa primeira misa solemne na Igrexa Parroquial de As Pontes, actuando de padriños:

De altar: Rvdo. D. José Río Seijo, Arcipreste-Párroco de As Pontes.

De mans: D. Antonio Rivera Rouco.

Srta. María del Carmen Rivera Fernández.

De honor: D. Jesús Rivera Rouco.

Srta. María del Carmen Rivera Rouco.

Srta. Pilar García Pena.

O Bispo, Don Jacinto Argaya (bispo de Mondoñedo-Ferrol de 1957 ao 1968), destínao inicialmente ás parroquias do Freixo (o día 7 de xuño do 1963 era nomeado Ecónomo) e San Mamede (o día 20 de xullo de 1963 era nomeado encargado). Alí pasará catro anos ata ser enviado a Lousada.

Logo, durante catorce anos, estivo de coadxutor da parroquia de Santa María de As Pontes. Mais, trala marcha do párroco D. Luís Villamarín (ano 1984), os conselleiros do Bispo, D. Miguel Ángel Araujo Iglesias, considérano “moi feble” e é relegado, privándolle deste xeito de ser crego párroco do seu pobo, cando xa era Cronista Oficial do Concello de As Pontes de García Rodríguez dende o 4 de decembro de 1981.

Pasou a levar a parroquia de Roupar e, posteriormente, tamén a de Santa María do Aparral.

Participou moito nas actividades da vida social do pobo coma un veciño máis. Foi vicepresidente da directiva do Liceo Recreativo e Artístico (dende o 75 ao 82), membro da Xunta de Protección Civil, membro fundador do grupo Amigos de As Pontes; Pregoeiro das Festas Patronais no ano 1998…

Coa súa saúde mermada, pasou os derradeiros anos da súa vida na Residencia “A Magdalena”, en As Pontes. Alí seguiu a celebrar a Eucaristía dos domingos acompañado sempre por algún membro do Equipo Pastoral.

A súa perda aconteceu un 18 de setembro de 2002.

Dende o punto de vista sacerdotal, podemos dicir que se implicou moito no seu traballo dende a humildade e a comprensión cara o seu próximo. Para os veciños sempre foi un bo crego.

Posiblemente o máis negativo para el da vida sacerdotal pódese resumir en dous ou tres momentos puntuais. O primeiro cando marcha para o Seminario, e foi debido ao desarraigo da familia, da que se veu privado sendo moi novo e que, dicíao el mesmo, botaba moito en falla. D. Enrique nace nunha familia moi unida, cun ambiente relixioso. Pensemos que, naqueles tempos, un rapaz de catorce anos era un neno aínda, que os medios de transporte e comunicación non eran os de hoxe, e que marchar para o Seminario supuña o illamento da familia case que durante todo o ano, pois non había comunicación con ela, agás por carta, que tardaban varios días en ir e vir, e por outra banda, tamén lonxe das amizades e, como non, estaba a disciplina do Seminario que non era a da casa, aínda que D. Enrique adaptouse a ela sen moito problema. O segundo foi cando no canto de ser nomeado cura párroco de As Pontes, foi “desterrado” a Roupar. A situación de verse desprazado da súa Vila natal, cando xa era Cronista Oficial, debeu de causarlle grande pesar e, moito máis o de ver como o seu pobo, que en teoría o aprezaba, non fixo nada por evitalo e asumiu o nomeamento dun párroco novo como unha cousa normal máis. E o terceiro cando, xa na Residencia “A Magdalena”, comeza a ser consciente das súas limitacións por ter minguada a saúde e que lle impedían o exercicio do seu labor sacerdotal.

El entendeu o sacerdocio como un servizo aos demais, axudando en todo aquilo que se lle pediu e a todo aquel que algo lle pediu, sen agardar nada en troques. Demostrándonos o valor cristián que nel imperaba.

Para unha época na que se saía dunha guerra -recuperábase o país lentamente- e na que os cregos tiñan poder e mando, é dicir, tiñan autoridade, a D. Enrique xamais se lle subiu esa autoridade á cabeza nin se lle pasou pola mente. Sempre foi unha persoa humilde e servicial, sen soberbia. Xamais se dirixiu a un semellante coa prepotencia que o facía algún crego da época, cando había que facer si ou si o que ordenaban. Este aspecto de D. Enrique era moi prezado polos seus veciños: el era un crego humilde e comprensivo.

O seu labor sacerdotal era, asemade, querido e respectado, as súas misas, concisas e breves, eran moi prezadas, de xeito que ninguén rexeitaba ir á misa cando el a dicía ou ir a confesar con el. A súa explicación do Evanxeo e a súa adaptación á vida real tamén resultaban axeitadas, pois as humanizaba. Por outra banda sempre saíu na defensa do débil e indefenso, polo que iso sempre se lle valorou.

Se cadra, a procedencia dun medio rural, coñecedor dos problemas desta época, axudoulle a ser máis comprensivo e próximo aos seus veciños.

E como todo pontés e como sacerdote, tamén tiña moita devoción pola súa Virxe, a Patroa, a Virxe do Carme, reflexada nos seus escritos.

Como home comprometeuse co seu labor pastoral, pois sempre foi un cura exemplar; co seu pobo, pois deulle identidade como tal, e coa súa familia, pois sempre coidou dela.

Para min, e polo que máis o admirei sempre, foi por esa teima de pescudar o noso pasado e darnos unha identidade como pobo que antes non tiñamos: antes estabamos inmersos nunha historia xeral de España. Con D. Enrique comezamos a ter historia propia, comezamos a coñecela e a identificarnos con ela. Tiñamos un pasado que el nos amosou. Son moitos os traballos que el fixo e que significaron moitas horas de traballo previo, de investigación, cambio de opinións, solicitudes de información, etc., etc. E todo isto nun tempo onde os medios non eran os de hoxe, sen ordenadores, sen internet, sen móviles… e sen medios de transporte, só os regulares cos conseguintes transbordos que había que facer e as moitas horas necesarias para ir dun lugar a outro. Por todo isto o seu traballo debe ser máis valorado.

D. Enrique comezou a traballar sobre o noso pasado no Seminario e levado polas historias que lle contaba seu pai, segundo el comenta nunha das entrevistas que lle fixeron para o xornal A Voz de Galicia e onde se reflexan os anos duros do seminario aos que nos referiamos no apartado sacerdotal: “Enrique Rivera Rouco, natural de As Pontes, atribúe o seu interese por todo tipo de estudos históricos ás lendas que lle contaba o seu pai e a morriña que sentía pola súa terra natal nos duros anos de internado no seminario de Mondoñedo. Como case non podía saír, refuxiábase na biblioteca e pescudaba todo tipo de documentación sobre As Pontes. Nos veráns tamén colaboraba na actividade cultural da vila”

Tamén vai influír moito nesta afección a súa relación persoal con outros dous Enriques, o primeiro é D. Enrique Cal Pardo, que foi profesor de Teoloxía no Seminario de Mondoñedo e reitor do mesmo dende o ano 1956 ao 1958, isto é, cando D. Enrique estudaba alí. O segundo, D. Enrique Chao Espiña, que paraba moito a falar con el na reitoral de Roupar e era Cronista Oficial de Viveiro e membro da Real Academia Galega; de aí a súa paixón pola historia e polo patrimonio, pois a influenza desta xente foi moita. Outra foi a facilidade para pescudar dentro do Arquivo Diocesano.

Todo o seu traballo de investigación deuno a coñecer no seu libro “HISTORIA DE PUENTES DE GARCÍA RODRÍGUEZ” que publica o 7 de novembro de 1976 no local do Liceo Recreativo e Artístico e será reeditado polo Concello no ano 2013.

Mais o labor de D. Enrique non quedou aí. Publicou moitísimos artigos en prensa, nas revistas das Festas Patronais, no xornal A Nova Unión… E, aínda, algún libro máis, como “O SANTUARIO DE NUESTRA SEÑORA DE PEÑA DE FRANCIA” e “EL SANTUARIO DE NUESTRA SEÑORA DEL CARMEN DE AS PONTES DE GARCÍA RODRÍGUEZ. SU ORIGEN, HISTORIA Y DEVOCIÓN”. Aportou datos para o libro “PILAR SILVA, MULLER CRENTE E COMPROMETIDA”. E a todo isto hai que engadir entrevistas e colaboracións en radio e TV locais, RADIO-TV Eume. Polo que se pode dicir que o labor de D. Enrique na pescuda do noso pasado e na súa divulgación foi densa.

Como veciño foi un máis, pero sempre un bo veciño, participando na vida social do pobo e indo moito máis aló do que debía. O feito de ser un sacerdote nunca foi impedimento para deixar de ser un veciño colaborador e participativo na vida social do pobo. E así vemos a un D. Enrique como Vicepresidente da directiva do Liceo Recreativo e Artístico dende o ano 76 ao ano 82, unha entidade cunha boa incidencia social na nosa Vila de As Pontes ao longo de moitos anos e que aínda está a funcionar. Tamén como membro da Xunta de Protección Civil (1984) e membro fundador do grupo Amigos de As Pontes, cuxa participación na vida do pobo foi tal que un membro deste grupo foi alcalde durante varios anos. Nesta asociación foi vicesecretario da súa xunta directiva dende o ano 1984 ao 1991. Colaborou en todo aquilo para o que foi solicitado, dentro dunhas marxes normais e sempre procurando o mellor para os veciños.

Como podemos ver, toda a súa vida foi un compromiso de entrega para os seus veciños e co seu pobo en todos os sentidos. D. Enrique foi un veciño, un “galego bo e xeneroso” dos que fan país dun xeito calado e sen agardar nada en troques. Polo que nós, para corresponderlle, o mínimo que podemos facer é non esquecelo e manter viva a súa lembranza entre nós.

JOSÉ MARÍA LÓPEZ FERRO

FUNDACIÓN MUSEO ETNOGRÁFICO “MONTE CAXADO”