Archivo de la etiqueta: patrimonio Pontes

PATRIMONIO PONTÉS L

Saímos da Vila e imos polas nosas parroquias para seguir atopándonos con máis exemplos de cruces riscadas, neste caso ao lugar de Suarmida en Somede.


CRUCES RISCADAS NA CASA DOS DE SINDO, NO LUGAR DE SUARMIDA (SOMEDE)



En Somede hai uns lugares que comezan con Sua…, como son Suarriba, Suaermida…, que dan pé a pensar que tamén Soamede ou Somede veña de Suamede.


No lugar de Suaermida, nome que parece facer referencia a unha anterior existencia dunha “ermida”, atopámonos cunha casa con moitos anos de existencia (os seus moradores calculábanlle máis de douscentos anos) e con moitas modificacións, chamada a casa “dos de Sindo”. O home maior da mesma é de orixe luso e leva o apelido “Almeida”. Na porta de dita casa e na parte que corresponde á xamba esquerda (segundo se entra) ten unha pedra cunha cruz, uns signos e números riscados. Debaixo deles, Francisco, un fillo do dono da casa, riscou hai anos as súas iniciais e engadiulle ao remate delas unha cruz máis pequena:

F . A . N +

As iniciais corresponden a Francisco Almeida Novo.


De destacar son dous aspectos: Primeiramente a cruz riscada, pois enriba dela leva tres raíñas, unha como prolongación do brazo pequeno e outras dúas do mesmo tamaño á anterior e oblícuas a ela. Segundo, dous signos semellantes a unhas PP seguidos de 5 e 2. Pola miña parte tratei de identificar estes signos con números sen logralo; o que está máis preto do 5 puidera ser un nove trocado de lado, é dicir, mirando para a dereita. Mais o primeiro non pecha como unha P ou un ), senón que está aberto a xeito dun mango de bastón e na súa parte baixa, ao remate da raía vertical, ten unha horizontal (-) ben pronunciada.
Se cadra, e relacionando o nome do lugar coa casa e a pedra, esta era a situación primitiva da ermida.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS XLIX

De cando en vez, seguen a aparecer novas cruces na nosa Vila e que estaban agachadas baixo o recebo, coma é a deste caso que nos ocupa. É un exemplo do moito patrimonio que aínda nos queda por descubrir. Neste caso apareceu cando se procedía ao picado do recebo dunha casa que se ía a restaurar para a Asociación de Veciños de Lembranza da Vila.

CRUZ NA CASA Nº 3 DA VILA

Na casa Nº 3 da Vila, cando se procedía ao seu picado do recebo de cemento para a súa posterior restauración, aparece no lintel da porta este exemplar de cruz riscada.


O que podemos dicir dela é que parece unha cruz treboada é, ao mesmo tempo, de calvario.
As cruces de calvario hai moitas nas casas reitorais, o que leva a pensar que no pasado, esta casa ben puido ser a casa do crego da Vila.

A reitoral actual é posterior, cousa que é sabido. O que non se sabe é cal era antes.

Ademais hai que engadir que a casa que hai ao seu carón, a nº 1 (coñecida pola casa das de Román), no seu tempo foi concello, cárcere e xulgado, polo que moi ben a reitoral puidera estar ao seu lado.


Como dicía é unha cruz de brazos iguais, agás o vertical inferior que entra no calvario. Polo tanto é unha cruz grega trevoada e de calvario. Sendo deste tipo única na zona.


O tamaño é duns 30 a 35cm. nos dous sentidos.
Como o recebo foi picado, aprécianse as picadas na pedra.


Esta casa estaba a ser restaurada polo Concello para a Asociación de Lembranza da Vila, mais por mor de desprazarse unha das súas paredes, houbo que parar a obra e agora está pendente da súa restauración. É de supoñer que tanto a cruz coma a porta do balcón (semella medieval) sexan conservadas na nova edificación.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.


PATRIMONIO PONTÉS XLVIII

E seguimos na Vila e seguimos atopándonos con cruces riscadas nas súas pedras, como símbolo de protección para a casa e os seus moradores. Neste caso é un exemplo dunha cruz moi pequena, que pasa desapercibida se un non se fixa nela. Supoño que aínda pode haber moitas máis gravadas nas pedras das casas, mais a erosión ou estar situadas en lugares fóra da vista dificultan o dar con elas. Asemade, un pode pensar que por ser tan pequenas non son importantes, mais si o son, xa que son a manifestación dunha época e un exemplo do noso patrimonio pétreo.



CRUZ RISCADA NA CASA DO Nº 22 DA RÚA SAN XOÁN

No número 22 da rúa San Xoán, no grupo de casas do fondo da mesma rúa (ollando cara o río) , atopámonos cunha casa pequena (estreita) que nunha das xanelas da porta ten unha pequena cruz riscada.

Trátase dunha pequeniña cruz riscada e moi gastada polo paso do tempo que pode pasar desapercibida se un non se fixa nela.
É unha cruz de tipo latina, brazos iguais, situada na xamba da dereita (ollando a porta de fronte), situada na pedra que coincide co puxigo, aproximadamente.

Como podemos ver na Vila é unha zoa onde se concentra gran cantidade e variedade de cruces. Posiblemente haxa máis, aínda que ocultas polo recebo ou gastadas polo paso do tempo.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS XLVII

Hoxe imos ver outros dous exemplares de cruz riscada existentes nunha parede dunha casa que dá á rúa San Xoán. Esta casa, aínda que restaurada recentemente, respectouse estas pedras que amosan estas cruces no seu lugar orixinal e, deste xeito, pódense ver na actualidade e non se perderon como si aconteceu noutros casos de restauracións de casas. Unha é máis grande e máis fondamente gravada, a outra, máis superficial e máis pequena.

CRUCES RISCADAS NUNHA CASA DA RÚA SAN XOÁN

Atopámonos con dúas cruces riscadas nesta casa. Unha de tamaño bastante grande e situada mesmo onde comeza a rúa San Xoán, na parte dereita da mesma; está feita na xamba esquerda da fiestra ou bufarda.

Ten o trazo moi marcado na pedra, polo que se conserva bastante ben. É unha cruz potenzada nos catro brazos. Debaixo do inferior leva unha raia horizontal tamén marcada, coma se estivese elevada nela.

A carón da bufarda atópase unha pedra cunha data gravada, 1972, descoñecendo se ten relación unha coa outra.

O curioso neste caso é que vai na xamba e non no dintel da ventá.

A rúa San Xoán está moi elevada respecto ao seu nivel orixinario, polo que a bufarda está a pouca altura do chan, sobre un metro sesenta centímetros.

E outra a uns metros da anterior e de tamaño máis pequeno. Está lixeiramente inclinada e os brazos horizontais non son rectos, están ondulados. Baixo o vertical inferior está potenzada.

Por riba da mesma aparecen letras riscadas na pedra de difícil lectura.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS XLVI

E sen saír da Vila imos ver hoxe outro exemplo de cruz riscada. O exemplar de hoxe é dos casos de boa conservación e que se le moi ben o contido da frase enteira, está ben riscada e traballada. Pertence ao ano 1802, isto é, inicios do século XIX e é un exemplo de cruz de calvario. Podémola atopar na rúa San Xoán, e se nos metemos polo calexón que vai dende a Rúa Real á de San Xoán, xusto na esquina da esquerda.

CRUZ RISCADA NA RÚA SAN XOÁN

Esta cruz, dentro das riscadas é especial pois vai sobre un triángulo. O triángulo no Cristianismo representa á Trindade, neste caso tamén pode representar o monte e enriba a cruz.

É unha cruz grande (dentro das riscadas), ben traballada e con profundidade, con remates potenzados (no debuxo non se aprecia que estean potenzados, por estar feito a ordenador) e acompañada dos datos dos donos da casa e o ano no que foi feita. As letras tamén están ben traballadas, ben feitas e coa mesma profundidade. A inscrición é a seguinte:

O contido é doado de ler: ME YZO MATYAS DE SOTO I SV MVGER YSABEL GONZALES (ME HIZO MATÍAS DE SOTO Y SU MUJER ISABEL GONZÁLEZ).

As letras: AÑO / DE 1 / 802 van separadas das outras por unha liña vertical.

Esta cruz coa inscrición está situada no que noutrora fora o lintel da porta da entrada e hoxe é o dunha fiestra, no que parece ser unha pedra de toelo ou pedra de serpentina.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS XLV

Imos hoxe con dúas cruces riscadas que ,como dicía no artigo anterior, ao tirar as casas desaparecían, pois xa non están porque no seu lugar hai unha casa nova.

Estaba na Vila, concretamente na rúa da Igrexa. As fotos son a testemuña da súa existencia no pasado.

CRUZ RISCADA NA RÚA DA IGREXA Nº 23

Trátase nesta ocasión dunhas pequenas cruces riscadas, algo fonda a máis grande, e a outra menos profunda e parece que vai situada enriba dunhas inicias que non se aprecian ben e están nunha das pedras laterais da porta de poxigo que dá acceso á casa.

A máis grande é unha cruz grega de brazos practicamente iguais, posiblemente non moi antiga pola profundidade da mesma. Pertence a unha casa non habitada e, polo tanto, non moi coidada. Debe ser das casas primitivas desta rúa da Igrexa. Na parte baixa ten pedras de cantería, similares á casa veciña, Nº 21. Na parte alta ten algunha pedra de cantería, mais a maioría son de cachotería, mentres ca do lado é de cantería. Semella que o construtor das casa comezou polo número 21 e a pedra só chegou a planta baixa do número 23 e pouco máis, logo a planta alta se completou con cachotería.

A segunda, é un chisco máis pequena ca anterior e menos profunda e vai no medio e enriba do que parecen unhas inicias, posiblemente do dono da casa.

Dende sempre comentouse que moitas das casas desta zona da Vila aproveitaron para a súa construción as pedras do vello castelo existente no noso concello , posiblemente algunhas delas foran empregadas nestas casas.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS XLIV

Hoxe, unha vez rematado o tema dos cruceiros, imos ver outro tipo de cruces, as riscadas ou gravadas na pedra por extracción da mesma no lugar que ocupa a cruz.

Posiblemente sexan as máis abondosas e as que máis se perderon, pois cando caen as casas ou se tiran, como pasan desapercibidas, pérdense.

A xente riscaba cruces nas portas e ventás como sinal de protección, para que non entrara o mal na casa, nas cortes das vacas, nos cortellos dos outros animais… A cruz como símbolo de protección contra as enfermidades e a morte, contra os reveses de fortuna, contra o meigallo…

Pola nosa Vila ou casco vello, podémonos atopar cunha morea de cruces riscadas, algunhas moi simples outras máis traballadas. Imos comezar coa:

CRUZ DA CASA Nº 31 DA RÚA REAL

No número 31 da Rúa Real (na primeira fiestra da última casa á esquerda segundo imos cara a ponte de D. García Rodríguez de Valcarce ou “ponte dos ferros”) atopamos unha cruz nun círculo, riscada na pedra superior da fiestra.

Dita cruz non está soa, senón que contén primeiramente unha data, 1552 (á esquerda según se mira). No centro o círculo ca cruz no seu interior (lembra a roda crucífera). A cruz é de tipo potenzada (non se aprecia ben), moi esquematizada. Na dereita, un trigrama de carácter religioso, IHS, cunha cruz enriba.

O trigrama IHS é un trigrama cristiano. É a abreviatura de Iesus Hominum Salvator, é dicir, Jesús Salvador de los Hombres.

A cruz é do tipo “grega”, é dicir, de brazos iguais, e “potenzada”, ou sexa, rematando os seus brazos en xeito de T.

Esta mesma representación do circo coa cruz inscrita, empregouse tamén na Idade Media no reverso dalgunhas moedas.

O noso cronista oficial D. Enrique Rivera Rouco fai referencia a esta cruz riscada no seu libro “Historia de As Pontes de García Rodríguez”, ano 1976, no capítulo referente ao TEMPLO PARROQUIAL DE AS PONTES, e no apartado ao século XVI dí:

Ao casarse Teresa de Andrade con Fernando de Castro na primeira metade deste século, a Casa de Andrade pasou á de Lemos co que As Pontes pasou a ser posesión de Lemos.

Neste século foi construído o retablo maior da Igrexa, de arte Barroco. No sector vello da Vila consérvase algunhas casas deste século e dos seguintes; por exempro a casa número 31 da Rúa Real, que amosa o ano 1.552 e un monograma de carácter religioso (cicais fora a vivenda dalgún Crego)…

A casa foi reformada na súa planta superior maiormente. A fiestra ou ventá onde está a inscrición foi conservada e respectada no seu lugar de orixe e aínda hoxe pode ser ollada.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS XLIII

CRUCEIRO DE FIBRA-CEMENTO EN GOENTE. FINCA PARTICULAR
En Goente atopámonos con este singular exemplar de cruceiro de fibra-cemento que non ten imaxes e, o máis raro aínda, non ten pedestal. E malia a non telo, pódese dicir que é un cruceiro alto por mor da lonxitude do seu varal e da cruz.



Localización:
O terceiro exemplar deste tipo de cruceiro, atopámolo en Goente, fronte a Igrexa Parroquial e na outra banda da estrada As Pontes-Coruña.

Gradas:
Ten dúas gradas cadradas, posiblemente de cemento, pois non se pode apreciar ben sen entrar na finca e estaba pechada no momento de facer a foto.

Pedestal:
Este exemplar carece de pedestal, e o varal ou fuste apoia directamente nas gradas.

Varal:
Alto varal de sección cadrada e con chafrán nas beiras, remata nunha moldura de onde sae un anaco de sección cadrada, duns 15 a 20 cm baixo o capitel.

Capitel:
De aspecto alto por mor da sección cadrada á que fixemos anteriomente referencia, leva unha moldura cadrada na parte inferior, outra maior enriba e remata noutra cadrada aínda máis grande ca anterior.

Cruz:
Exemplar grande e estilizado de cruz, sen imaxes, de sección cadrada con chafrán. Os brazos horizontais e o superior florenzados no seu remate.



Con este exemplar rematamos os artigos sobre os cruceiros, quedaría outro cruceiro de fibra-cemento pola Santa do Carballo, pola pista que vai aos Pedregás, na casa do Sr. Ferreiro, mais non teño foto nin o vin. Sei da súa existencia por referencias.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS XLII

Seguindo cos cruceiro de fibra-cemento, hoxe imos con outro exemplar que está situado moi preto da miña casa, no lugar dos Loureiros. Na finca que pertence a Dona Carmen Rivas (Mucha), mestra xubilada do Colexio da Magdalena. A foto que teño está sacada dende a pista e non é moi boa. Esta finca pertenceu no seu día a Evaristo (o da gasolineira) e foi el quen o mandou erixir. A súa construción é similar ao da Santa do Carballo que vimos no artigo anterior.

CRUCEIRO DE FIBRA-CEMENTO DE OS LOUREIROS (Casa de Mucha)



Exemplar, que coma no caso do da Santa do Carballo, está feito en fibra-cemento e que no seu día tamén estaba pintado de branco todo el. A feitura é moi similar tamén, parece saído do mesmo molde.

Localización:
Situado na finca particular de Dona Carmen Rivas (Mucha), no lugar de Os Loureiros, na marxe esquerda segundo se sube polo pista.

As Gradas:
Componse de tres gradas cadradas, da mesma altura. A primeira e maior, que fai de plataforma ou soleira, medio soterrada.

Pedestal:
É un exemplo de un pedestal tronco-piramidal cuadrangular e liso, isto é, sen relevos nin inscricións. Lixeiramente achafranado na súa parte superior.

Varal:
O varal ou fuste é cuadrangular no seu inicio e no seu remate; leva chafrán pronunciado nas esquinas, conferíndolle un aspecto case de octogonal, aínda que non o é.
Non leva inscricións nin relevos, é dicir, é liso.

Capitel:
Neste caso temos a reprodución dun capitel típico dos cruceiros da nosa zona, isto é, con volutas angulares e anxos alados no medio das mesmas. Con molduras superiores e inferiores, máis pronunciada e máis grosa a superior.

A Cruz:
Temos unha cruz cilíndrica, delgada e alta

Cruz anverso, O Cristo:
Atopamos unha imaxe dun Cristo un pouco máis grande en tamaño co da Virxe.
Leva enriba, sen cartela de INRI, con coroa, melena e barba, cos ollos pechados, mans semipechadas, tres cravos, pano de pureza con cordón atado á dereita e pé dereito sobre do esquerdo.

Cruz reverso, A Virxe:
Neste caso a Virxe representada é unha Soidade, con manto que lle cubre da cabeza ata os pés. Estes van apoiados nunha peaña semiesférica que sobresae da cruz.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.

PATRIMONIO PONTÉS XLI

Hoxe imos comezar este apartado dentro dos cruceiros e que é o dos cruceiros de fibra-cemento. Contamos con catro exemplares no noso concello dos que teño coñecemento. O de hoxe é o da Santa do Carballo, ao pé da estrada Ferrol-Lugo. A diferencia cos outros cruceiros é a súa finalidade, estes teñen como finalidade ornamentar unha finca e a intención relixiosa do dono que o mandou facer.

CRUCEIRO DA SANTA DO CARBALLO (Casa de Amador de Sexe):

Exemplar realizado en fibra-cemento a imitación dos cruceiros en pedra. Trátase dun cruceiro monocromado e completo, é dicir, pintado dunha soa cor, branco, e que consta de gradas, pedestal, varal, capitel, cruz anverso co Cristo e cruz reverso coa Virxe. Está moi ben conservado e con aspecto de estar pintado recentemente (cando fixen a foto, xa hai uns anos).

Localización:

Situado na finca particular de D. Amador López Fresco, no lugar da Santa do Carballo, na marxe esquerda na dirección Ferrol-Rábade.

As Gradas:

Componse de tres gradas cadradas, da mesma altura. A primeira e maior, que fai de plataforma ou soleira, medio soterrada.

Pedestal:

É un exemplo de un pedestal tronco-piramidal cuadrangular e liso, isto é, sen relevos nin inscricións. Lixeiramente achafranado na súa parte superior.

Varal:

O varal ou fuste é cuadrangular no seu inicio e no seu remate; leva chafrán pronunciado nas esquinas, conferíndolle un aspecto case de octogonal, aínda que non o é.

Non leva inscricións nin relevos, é dicir, é liso.

Capitel:

Neste caso temos a reprodución dun capitel típico dos cruceiros da nosa zona, isto é, con volutas angulares e anxos alados no medio das mesmas. Con molduras superiores e inferiores, máis pronunciada e máis grosa a superior.

A Cruz:

Temos unha cruz cilíndrica, delgada e alta

Cruz anverso, , O Cristo:

Atopamos unha imaxe dun Cristo un pouco máis grande en tamaño co da Virxe.

Leva enriba, cartela de INRI, baixo dela, un Cristo con coroa, melena e barba, cos ollos pechados, mans pechadas, tres cravos, pano de pureza con cordón atado á dereita e pé dereito sobre do esquerdo.

Cruz reverso, A Virxe:

Neste caso a Virxe representada é unha Soidade, con manto que lle cubre da cabeza ata os pés. Estes van apoiados nunha peaña semiesférica que sobresae da cruz.

Texto e foto aportados por Xose María López Ferro, Cronista Oficial do Concello de As Pontes e director do Museo Etnográfico Monte Caxado, a quen agradecemos a súa colaboración.